O persoal da sanidade privada inicia no Hospital QuirónSalud o novo calendario de mobilizacións por un convenio digno
Traballadoras e traballadores da sanidade privada da Coruña arrincaron este mércores co novo calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno, con retribucións salariais e condicións laborais xustas.
A primeira protesta realizouse diante do Hospital QuirónSalud da Coruña e á mesma seguiranlle mobilizacións diante de distintos centros hospitalarios da provincia, dúas xornadas de folga o 14 e 15 de marzo, tres días de paro en abril e catro días de folga no mes de maio.
A decisión de intensificar as mobilizacións adoptouse despois de que a patronal apostara por recorrer ao Consello Galego de Relacións Laborais para que mediara un AGA en lugar de continuar coas negociacións na mesa do convenio.
Unha operación que a representación social considera “unha chantaxe” porque “pretenden que vaimos a esa negociación sen retirar as súas propostas”. Unhas propostas, lembra a CIG-Saúde, inasumíbeis por canto supoñen recortar dereitos que o persoal xa tiña adquiridos (como a contía da antigüidade ou o cobro do 100% no caso das baixas) e que non constitúen ningunha mellora xa que a patronal segue sen querer incluír o cobro dos domingos.
O convenio da sanidade privada da provincia da Coruña atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta, laboratorios de análises clínicas ou clínicas dentais e de fisioterapia, entre outros, que aglutinan a máis de 5.000 traballadoras e traballadores. Pero as principais empresas que operan no sector son Quirón, Ribera Salud e H.M.
Trátase dun sector moi feminizado, con contratos precarios e a media xornada. Os salarios en convenio, de arredor de 750€, que se poden corresponder coas categorías de limpeza ou pinche de cociña, seguen estando por debaixo do SMI legal.
Estas grandes empresas da sanidade privada o que están facendo é pagar os atrasos derivados da suba do SMI, isto é, a parte do incremento que aínda non teñen recoñecida nas táboas salariais, ao final do ano.
Isto está provocando que, ao compensar así os salarios máis baixos, agora se estean solapando as categorías porque, segundo apuntaron, o persoal de enfermería ten salarios de arredor de 1.200€ que non se incrementaron co cal o persoal das categorías máis baixas xa está cobrando cantidades similares.
Responsabilidade do SERGAS
O 45% do negocio destes grandes hospitais depende dos concertos co SERGAS, que deriva a doentes tanto para cirurxías como, cada vez máis tamén, para probas diagnósticas. A patronal xustifica a súa pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras no convenio argüíndo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes, que “están traballando a perdas.
Fronte a isto, a representación sindical afirma que non é responsabilidade das traballadoras e traballadores, que estas empresa, propietarias dos hospitais privados máis grandes do Estado, asinen concertos por debaixo dos custos.
En todo caso, tamén responsabilizan ao SERGAS de non garantir condicións dignas tanto na prestación, como nas condicións laborais que ten o persoal destes centros sanitarios.