O persoal da sanidade privada da Coruña inicia no Hospital Quirón as mobilizacións por un convenio digno
Traballadoras e traballadoras da sanidade privada da provincia da Coruña deron comezo este mércores ao calendario de mobilizacións para reclamar un convenio digno e enfrontar o recorte de dereitos xa recoñecidos que pretende aplicar a patronal do sector nesta negociación.
A protesta realizouse no Hospital Quirón da Coruña e na mesma participou un numeroso grupo de traballadoras e traballadores "evidenciando así a disposición do persoal a loitar por unhas condicións laborais e salariais dignas".
Miguel Tizón, responsábel do sector de sanidade privada da CIG-Saúde explicou que as negociacións do convenio non avanzan porque a patronal teima en recortar dereitos que xa están no convenio como a antigüidade ou a cobertura do 100% nas baixas. Unha proposta que cualifica de "insulto e provocación", advertindo que "estes dereitos son intocábeis e non imos renunciar a eles".
Neste senso, Laura Méndez, presidenta do comité do Hospital Quirón, reitera que "queremos negociar un convenio que dignifique as condicións laborais de todas as traballadoras de todas as categorías e que a patronal deixe de mercadear co persoal".
Cómpre subliñar que na proposta trasladada por CIG, UGT e CCOO de xeito conxunto ao inicio da negociación, contémplanse entre outras cuestións unha redución do número de horas de xornada anual, actualizar as táboas salariais (algunhas están aínda por debaixo do SMI) cun incremento acorde ao custe da vida e remunerar os domingos traballados.
Pero a resposta da patronal foi poñer enriba da mesa a perda de dereitos, malia as queixas continuas por non atopar persoal e mesmo ter que ofrecer acordos fóra de convenio a determinadas categorías nun intento desesperado por reter profesionais nos principais centros privados.
Fronte a este ataque, acordouse iniciar este calendario de mobilizacións en rexeitamento a unha proposta patronal "que non é nin asumíbel nin valorábel". As protestas repetiranse os tres próximos mércores ás 11 horas, nos principais hospitais privados da provincia:
-27 de setembro: A Rosaleda en Santiago de Compostela.
-4 de outubro: Juan Cardona de Ferrol
-11 de Outubro: HM Modelo da Coruña
A seguinte reunión da mesa de negociación está prevista para este venres mais de non producírense avances nas próximas semanas, Tizón xa avanza que se convocará un novo calendario de mobilizacións sen descartar ningún tipo de medida.