O persoal da sanidade privada concéntrase diante da Rosaleda en demanda dun convenio digno
A patronal da sanidade privada sentouse a negociar un convenio colectivo, pero segundo denuncian, a súa proposta inicial “xa descartaba calquera modificación ou mellora das condicións laborais reguladas polo mesmo”.
A isto engaden que xunto a isto, a patronal demandaba unha vixencia do convenio de tres anos, “hipotecando as condicións laborais dos traballadores e traballadoras durante este tempo”.
Aseguran que transcorridos “meses e meses” a patronal segue a rexeitar calquera iniciativa que supoña un avance nas condicións de traballo, pretendendo manter ás traballadoras e traballadores “sen ningunha mellora nin laboral nin salarial durante o máximo tempo posíbel”.
Denuncian ademais que a patronal”obstaculiza a negociación” do convenio colectivo, “ao negarse unha e outra vez a mover as súas posicións, falseando o proceso e converténdoo nun paripé”.
Por iso anuncian que continuarán coas mobilizacións até conseguir un cambio de actitude da patronal e que haxa unha negociación real.
As próximas concentracións serán:
- Día 3 de outubro, ás 12 horas, concentración no Hospital Modelo da Coruña.
- Día 17 de outubro, ás 12 horas, concentración no Hospital Juan Cardona de Ferrol.
De igual xeito, as centrais sindicais entenden que a Consellería de Sanidade tamén debería comprometerse neste proceso “instando a patronal a unha negociación real, posto que cando a Consellería concerta servizos sanitarios públicos cos centros sanitarios privados, tamén asume as responsabilidades políticas que deriven das condicións laborais ás que se somete ao persoal destes centros”.