O persoal da recollida do lixo de Lugo inicia mobilizacións por un convenio digno
Os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo de Lugo arrincaron mobilizacións este luns para reclamar un convenio digno e con dereitos e respostar así á proposta de miseria trasladada pola empresa concesionaria do servizo, UTE EcoLugo. Ao berro de "se sobe o IPC os salarios tamén", o persoal concentrouse diante da Casa do Concello na Praza Maior e saíu posteriormente en manifestación até o centro de servizos municipais.
O persoal acordou en asemblea convocar esta primeira mobilización ante a pretensión da empresa de perpetuar a conxelación salarial e incluso recortar a porcentaxe que se cobra actualmente polo complemento de antigüidade. Hai que lembrar que o convenio colectivo rematou a finais de decembro de 2021 e, despois da entrada en agosto pasado da nova contrata, a principios deste ano constituíse a mesa negociadora.
Pero despois de seis reunións o acordo semella cada vez máis lonxe, a causa da miserenta proposta económica feita pola empresa. Así, para o ano 2022, UTE EcoLugo propón un 0% de suba salarial (cando o IPC dese ano rematou no 5,7% e o do ano anterior no 6,5%), para 2023 un incremento do 3,25%, do cal só sería consolidábel en táboas o 0,25%, e para os dous anos seguintes (2024 e 2025) propón incrementos do 0,25%.
É dicir, nun momento no que o prezo dos bens e servizos básicos está disparado e os traballadores e traballadoras son cada día máis pobres, a empresa quere liquidar o convenio cun incremento total en catro anos do 0,75%.
Con esta oferta ridícula estaríase consolidando a perda do poder adquisitivo acumulada nestes últimos anos ao que hai que engadir que os traballadores e traballadoras do servizo de recollida do lixo tiveron conxeladas as súas retribucións durante os 4 anos de vixencia do convenio anterior, xa que non recibiron incrementos salariais nin cobraron atrasos dende o ano 2018 até xullo de 2022.
Por iso, en resposta ás pretensións da empresa, a asemblea de persoal celebrada a pasada semana acordou por maioría manter a reivindicación de incrementos iguais ao IPC real máis dous puntos e iniciar mobilizacións para exixir salarios dignos, garantías de mantemento da capacidade adquisitiva e avances reais nos dereitos laborais e sociais.