O persoal da recollida do lixo de Carballo concéntrase nas oficinas da UTE e no Concello no cuarto día de folga
Os traballadores da recollida de lixo de Carballo concentráronse este xoves diante das oficinas da UTE (situadas na rúa Desiderio Varela) para reclamar o desbloqueo da negociación colectiva e que a empresa traslade unha proposta económica que permita avanzar nunha solución ao conflito. E aínda que non estaba previsto nun primeiro momento, o persoal saíu en marcha até as portas da Casa Consistorial para denunciar as actuacións de esquirolaxe por parte do Concello e Urbaser.
O responsábel da CIG de Carballo, Martín Caamaño, explica este xoves persoal propio do Concello de Carballo levou un remolque cheo de residuos (unha grande cantidade de libros, cadernos e demais papel) dende os edificios administrativos até a nave da empresa en Bértoa, asumindo así unhas tarefas que non lle corresponden, e malia estar determinado no decreto de servizos mínimos que días se fará a recollida de papel e cartón "que en ningún caso era o xoves 11".
"Unha brigada mandada polo Concello transportou nun vehículo municipal estes residuos até nave, onde foron depositados manualmente nun camión da UTE polos operarios e operarias municipais e por persoal da mercantil Urbaser SA, empresa distinta á UTE", subliña. Unha actuación que, avanzou Caamaño, será posta en coñecemento da Inspección de Traballo porque constitúe un claro atentando contra o dereito á folga, xa que obxectivo era substituír o persoal en folga e deixar sen efecto a medida de presión.
Neste senso, Caamaño criticou duramente a actitude do Goberno local que está vulnerando os dereitos dos traballadores/as, primeiro decretando uns servizos mínimos desproporcionados -que nalgúns días mesmo superan a actividade dunha xornada ordinaria de traballo-, e agora suplantando ao persoal en folga. "En vez de mediar na busca dun achegamento entre as partes, coa súa postura o que está provocando o Concello é que o conflito se siga enquistando", lamentou.
Cuarto día consecutivo de folga
Hai que lembrar que o persoal está en folga dende ás 22:30 horas do domingo 7 de xullo e o paro prolongarase até ás 15:00 horas do próximo día 18 de xullo. O seguimento da folga é total, xa que só está entrando o persoal designado nos abusivos servizos mínimos, polo que os seus efectos son evidentes nas rúas do centro da vila e nas parroquias.
Aínda así, a empresa continúa sen convocar a mesa de negociación e sen presentar unha proposta que permita dignificar as condicións salariais e laborais do persoal. Caamaño incide en que os soldos dos traballadores e traballadoras da UTE Carballo (Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería) están no SMI e a oferta presentada pola empresa suporía deixar as táboas do ano 2024 pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do salario mínimo.
A UTE Carballo tampouco quere asumir a reivindicación dun complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns; nin introducir unha cláusula que garanta que as próximas revisións do SMI non absorberán determinados pluses que xa existen no convenio (como a nocturnidade ou a penosidade); ou incluír unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.
Diante disto, os traballadores xa amosaron a súa disposición a seguir na loita por un convenio digno e reclámanlle ao Concello de Carballo que, como titular do contrato, medie activamente no conflito para garantir unhas condicións xustas na recollida do lixo, a canceira e o punto limpo.