O persoal da recollida de lixo de Compostela irá a folga por un convenio digno
O comité de Urbaser Santiago compareceu este mércores en rolda de prensa para informar da convocatoria de folga no servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Compostela ante o bloqueo da negociación do novo convenio e a proposta miserenta ofrecida pola empresa. A convocatoria de folga, que ten carácter indefinido, foi aprobada de xeito unánime pola asemblea do persoal e farase efectiva a partir do próximo 18 de xullo.
A representación do persoal rexeita a postura intransixente de Urbaser, xa que se nega a asumir ningunha das demandas da parte social. "O que estamos pedindo é un incremento salarial do IPC +1,8% para 2021 e IPC+3% para 2022, pero o único que nos ofrece a empresa é o 0% para 2021, unha paga única e non consolidábel de 150€ por traballador/a para 2022, o 0,75% para 2023 e en 2024 e 2025, o 0,25% do resultado do que lle suban ao persoal funcionario", explica Ricardo Méndez Crespo, presidente do comité.
Unha proposta que, na práctica, suporía manter as retribucións conxeladas durante os próximos anos e afondar no empobrecemento dos traballadores e das traballadoras deste servizo, posto que Urbaser non quere contemplar no convenio unha cláusula de revisión que, cando menos, permita manter o poder adquisitivo dos salarios. Neste senso, Méndez Crespo lembra que as táboas do persoal da recollida de lixo e da limpeza viaria do Concello de Santiago están sen actualizar dende o ano 2021.
A representación social considera totalmente insuficiente esta oferta, tendo en conta que o pasado ano o IPC rematou no 6,5%, que no mes de xuño xa superou o 10% e que se agardan máis alza nos vindeiros meses. "No ano 2021, mentres se licitaba o novo contrato, Urbaser estivo prestando servizo contra factura, polo que xa lle aplicou o IPC aos prezos que lle cobra ao Concello e cando concursou, xa estabamos en plena alza inflacionista. Tal e como está a carestía da vida, non pode pretender agora que sexamos as traballadoras e os traballadores quen asumamos o custe de concursar á baixa", aseveran. "Porque como a Urbaser, a nós tamén nos subiu o prezo dos combustíbeis, da electricidade e de todos os produtos básicos".
Nin xubilación parcial nin cobertura das vacantes
Pero a empresa non só se pecha en banda a mellorar as condicións económicas do persoal, senón que tampouco quere recoñecer a xubilación parcial ao 75% con contrato relevo e garantir a cobertura da vacantes durante os períodos de vacacións, baixas, permisos etc. A este respecto, o comité segue advertindo que non hai persoal suficiente para cubrir todas as necesidades do servizo, polo que os traballadores e traballadoras actuais teñen que afrontar unha sobrecarga de tarefas inasumíbel.
Ao bloqueo na negociación do convenio (cuxa negociación se retomou este ano despois da parálise a causa da apertura do proceso de licitación do contrato) hai que sumar o incumprimento dos acordos acadados en anos anteriores co comité sobre a renovación do persoal eventual, que está afectando á estabilidade no emprego e que xa provocou o despedimento de dous compañeiros con catro anos de antigüidade.
Por iso, na comparecencia para os medios tamén se lanzou un chamamento ao Goberno municipal para que medie neste conflito "pois estamos a falar dun servizo que se paga con cartos públicos e que lle afecta directamente á veciñanza. O Concello non pode desentenderse e mirar para outro lado veu facendo até o momento".