O persoal da recollida de lixo de Carballo irá á folga ante o bloqueo da empresa á negociación do convenio

Carballo - 10 Xun 2024

Os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo do Concello de Carballo irán á folga coincidindo coas festas do San Xoán en resposta ao bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL). Así o anunciaron nunha rolda de prensa este luns na que tamén rexeitaron as propostas económicas de miseria trasladadas pola empresa, que apenas se moveu un 0,5% dende o inicio das negociacións.

A decisión de convocar folga foi aprobada pola asemblea de traballadores/as ante a negativa da UTE Carballo a presentar unha oferta salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo e que permita ter unhas retribucións dignas no servizo de recollida de lixo, a canceira e o punto limpo (os tres servizos que xestiona).

As xornadas de folga desenvolveranse das 22:30 horas do domingo 16 de xuño ás 15 horas do luns 17 de xuño; os días 20 e 21 na mesma franxa horaria; e dende ás 22:30 horas do domingo 23 até ás 13:05 horas do martes 25 de xuño.

Salarios no SMI

O secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, que compareceu xunto co delegado de persoal, Juan Antonio Rivero Martín, denunciou que a pesar de que os traballadores e traballadoras están cobrando o salario mínimo interprofesional, a empresa limitouse a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI. E un raquítico incremento de entre o 1,7% e o 2% para os seguintes anos de vixencia do convenio (2025 e 2026).

Pero ademais, UTE Carballo rexeita de plano a demanda de estabelecer un complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns. E iso malia tratarse dun sector de especial perigosidade e penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade.

Fronte á miseria que propón a empresa, o persoal reclama unha suba xusta que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.

"Non nos queda outra saída"

Na comparecencia realizada este luns apuntouse que "non é a nosa intención molestar a cidadanía durante a celebración das festas, pero ante o bloqueo da empresa non nos queda outra saída que convocar folga e mobilizarnos en defensa dunhas condicións salariais e laborais dignas".

A este respecto, tamén se fixo un chamamento ao Concello de Carballo para que respecte o exercicio do dereito fundamental á folga e non decrete uns servizos mínimos abusivos que deixen sen efecto a convocatoria.