O persoal da planta de Nostián asina un acordo co Concello que garante empregos e condicións
O comité de Albada asinou este mércores un acordo co Concello da Coruña sobre as condicións que rexerán a licitación do próximo contrato de xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, de maneira que queden grantidas a continuidade dos postos de traballo e as condicións sociolaborais que ten o persoal. Ademais, a través deste acordo limítase a subcontratación dunha serie de actividades que hoxe están externalizadas pero que a próxima concesionaria terá que prestar directamente.
Este acordo dá resposta ás demandas dos traballadores e das traballadoras ante a incerteza producida polo remate da actual concesión e a persistente negativa de Albada (a UTE encabezada por Urbaser) a negociar o novo convenio colectivo que garanta as condicións laborais e recuperar os dereitos roubados ao persoal nestes últimos anos.
Neste senso, cómpre lembrar que o actual convenio está caducado e a súa ultravixencia remata a 31 de decembro deste ano, data a partir da que o persoal pasaría a estar rexido polo convenio estatal de sector, que contempla unhas condicións moi inferiores. De aí que os traballadores e traballadoras dirixiran as súas demandas ao Concello da Coruña pedíndolle que activara todos os mecanismos para garantir o mantemento dos empregos, así como as condicións sociolaborais, que agora quedan salvagardadas coa sinatura desta acordo.