O persoal da planta de Leche Celta de Pontedeume irá á folga por un convenio digno
O comité de Leche Celta SLU na planta que a empresa ten en Pontedeume acordou convocar folga en demanda dun convenio colectivo digno. A folga realizarase das 12 ás 16 horas en días consecutivos a partir da segunda semana de xaneiro, e as xornadas de paro incrementaranse de maneira progresiva: 10 e 11 de xaneiro, do 17 ao 19, e do 24 ao 27 de xaneiro.
O comité (7 representantes da CIG e 2 de UGT) chama a todo o persoal da planta de Andrade a secundar os paros para lograr un convenio digno con auténticas melloras salariais e sociais. A presidenta do órgano de representación, María Xosé Vizoso, explica que despois dun ano de negociacións para o II convenio do centro de traballo, as negociacións están rotas pola actitude de bloqueo da patronal.
"A dirección da empresa pretende establecer un sistema retributivo que suporía por unha banda penalizar salarialmente as persoas que enfermen ou que exerzan dereitos como as licencias retribuídas; e por outra condiciona o incremento económico a uns parámetros nos que nin sequera as persoas afectadas poden incidir", sinala.
Denuncia Vizoso que empresa non quere entrar a discutir a proposta da parte social na que se contempla un incremento lineal do IPC real para o ano 2021 en todos os conceptos económicos, así como distintas melloras de carácter social. Esta posición de intransixencia da empresa, subliña, derivou na ruptura das negociacións en curso do convenio colectivo e na convocatoria destas xornadas de folga".