Convocados dous novos días de folga na empresa ourensá UNVI ante a proposta regresiva de convenio da dirección

O paro de hoxe tivo un seguimento maioritario ao igual que nas xornadas anteriores. Tamén se celebrou unha manifestación polas rúas da cidade
Ourense - 11 Dec 2025

O comité da empresa ourensá do sector da automoción UNVI decidiu ampliar os días de folga aos vindeiros mércores 17 e xoves 18 de decembro para rexeitar a proposta regresiva de convenio achegada pola dirección da compañía do Grupo Pérez Rumbao. A xornada de hoxe tivo, ao igual que nas dúas anteriores, un seguimento maioritario entre o cadro de persoal, que este mediodía percorreu as rúas da cidade nunha manifestación que arrincou da Casa Sindical ao mediodía.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, explicou que UNVI compañía con sede no polígono de San Cibrao que se dedica á fabricación de autobuses- pretende asinar un convenio colectivo para o ano 2026 que contemple un 20% de desregulación de xornada e unha bolsa de 80 horas extraordinarias cuxo uso quedaría en mans da empresa, ademais de modificar o réxime sancionador interno para facelo “moito máis represivo e arbitrario”.

Ao mesmo tempo, propón unha suba salarial do 3,5% e unha redución de oito horas na xornada anual. “De pouco vale esta redución do tempo de traballo, se despois a empresa desregula totalmente a xornada”, denuncian o responsábel sindical.

Diante disto, o comité (4 representantes da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) apostou por unha dinámica mobilizadora que se iniciou cunha xornada de folga e manifestación a finais de novembro e que continuou onte e hoxe con novos paros e protestas nas rúa. Recentemente decidiuse ampliar a convocatoria de folga aos vindeiros días 17 e 18 no caso de que a empresa non se sente a negociar unha nova proposta.

A medidas de presión serviron até o de agora para forzar a compañía a dar marcha atrás na súa pretensión de modificar o calendario laboral para impedir que o cadro de persoal, integrado por unhas 150 persoas repartidas en dous centros de traballo, puidese gozar de tres semanas de vacacións no mes de agosto.