O persoal da empresa de augas de Ferrol (Emafesa) acorda iniciar mobilizacións polo seu convenio
O comité de Emafesa (empresa mixta municipal de augas de Ferrol na que o Concello ten o 51% do accionariado e a compañía Urbaser-Socamex, o restante 49%) ten convocado un calendario de mobilizacións en demanda de melloras laborais e salariais. A primeira protesta será o martes 19 de abril, cunha concentración de 12:30h a 13:30h diante da sede da empresa, e non se descarta a convocatoria de folga indefinida, a partir do mes de maio.
A representación do persoal explica que levan máis de dous anos negociando o novo convenio pero neste tempo non se produciron avances, até o punto de que as conversas están bloqueadas pola actitude da empresa. Sinalan que Emafesa lles propuxo unha modificación das categorías profesionais de maneira que ás máis altas lles subirían o salario un 10%, mentres que para o resto o incremento sería só do 2%.
Xunto a isto, propón a creación de categorías novas que terían como obxectivo que o persoal de nova incorporación o faga en peores condicións e con salarios máis baixos.
Ademais, a empresa pretende implantar un sistema retributivo ligado á produtividade e á antigüidade, que penaliza a aquelas persoas que levan menos tempo traballando e ás que collan licencias ou caian de baixa.
Ante as precarias propostas da empresa, o comité acordou iniciar mobilizacións e critica a falta de actuación do Concello de Ferrol, tendo en conta o carácter semipúblico da empresa e que a administración local preside o Consello de Administración de Emafesa.