O persoal da depuradora de Lugo denuncia o bloqueo na renovación do convenio tras 4 anos cos salarios conxelados
Os traballadores e traballadoras de Gestagua (que xestiona a Estación Depuradora de Augas Residuais de Lugo) denuncian o bloqueo da negociación do convenio colectivo e avanzan que iniciarán mobilizacións se a empresa mantén a súa postura intransixente. A CIG-Industria de Lugo subliña que o persoal leva coas condicións laborais e os salarios conxelados dende hai máis de catro, o que xa lles supuxo unha perda do seu poder adquisitivo de preto dun 15%.
Ante o bloqueo patronal á negociación, o persoal reclama a participación activa do Concello de Lugo, de quen depende o servizo contratado á empresa Gestagua, "na consecución dun acordo xusto que garanta avances nos dereitos económicos deste colectivo ,mediante un acordo adecuado e proporcionado ao altísimo nivel de complexidade das infraestruturas coas que este concello conta, sendo a Depuradora de Lugo unha das máis avanzadas do Estado".
Neste senso, a CIG salienta o compromiso demostrado polos traballadores e traballadoras no desenvolvemento do seu labor profesional, servizo público esencial, "compromiso reforzado durante a pandemia".
Para este martes está convocada unha nova reunión e, de non producírense avances substanciais, o persoal estudará iniciar xa mobilizacións.