O persoal da cafetería do aeroporto de Santiago volve á folga en defensa do seu convenio
Os traballadores e as traballadoras da cafetería do aeroporto Rosalía de Castro están desenvolvendo unha nova xornada de folga en defensa do seu convenio colectivo, que a nova concesionaria do servizo non quere recoñecer nin aplicar. A folga terá continuidade no día de mañá, xoves 30 de decembro, na defensa dos dereitos salariais e laborais.
Para visibilizar a súa loita, os traballadores e as traballadoras desenvolveron unha concentración na terminal de saídas do aeroporto, que repetirán este xoves, para esixirlle á empresa que recoñeza un convenio que leva aplicando desde o ano 1986 e que "é dos mellores do Estado en hostalaría", explica o representante da CIG-Servizos, Roberto Alonso.
Subliña Alonso que cando a concesionaria entrou no mes de febreiro do ano pasado non houbo ningún problema coa asunción do convenio, pero no momento que lle tocou afrontar o primeiro pago polo premio de vinculación a un traballador con 45 anos de antigüidade "dixo que o convenio non existía, que non o recoñecía e que entendía que se tiña que aplicar o convenio de hostalería da Coruña”, de condicións moi inferiores.
Dende entón, a empresa non só teimou en non recoñecer o convenio, senón que incluso remitiu unha proposta dun convenio novo. Diante disto, o persoal acordou ir varios días á folga en outubro, que retomaron a principios de decembro en resposta á falta de avances na negociación coa empresa.
A CIG denuncia o desinterese de AENA, como empresa principal, neste conflito e demándalle que dunha vez interveña para obrigar a concesionaria a cumprir a normativa laboral e a respectar os dereitos que este persoal ten recoñecidos dende hai anos.