O persoal da automoción dá unha “lección de dignidade” ante a grave crise do sector
“Unha auténtica lección de unidade, de forza e de dignidade”. Deste xeito cualificou o secretario nacional da CIG-Industria a resposta do persoal da automoción galega á xornada de folga convocada hoxe pola central sindical en defensa do emprego e das condicións laborais no sector. O paro tivo unha notable incidencia nalgunhas das principais empresas e milleiros de persoas traballadoras botáronse ás rúas de Vigo, Pontevedra e Ourense para reclamar medidas urxentes ante a grave crise que atravesa unha industria fundamental para estas tres comarcas e estratéxica para o conxunto do país.
A repercusión da folga, que se desenvolveu dende as 22:00 horas deste mércores até as 24:00 horas de hoxe xoves, xa se fixo evidente nas quendas de noite, até o punto que empresas como BorgWarner en Vigo, Treves en Pontevedra e Faurecia en Ourense estiveron practicamente paralizadas por falta de persoal.
Noutras, aínda que o seguimento do paro foi menor, a produción tamén se resentiu, así como a actividade das distintas contratas que prestan servizo nas compañías do sector (limpeza, mantemento, loxística, etc). Nas quendas de mañá a situación volveu repetirse e a participación foi elevada, como así o evidenciou a masiva manifestación rexistrada en Vigo e as concorridas protestas de Pontevedra e Ourense.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, valorou moi positivamente a capacidade de loita do persoal do sector, “que é consciente dos desafíos aos que se enfronta a automoción e entendeu perfectamente a necesidade de pasar á ofensiva contra o proceso de precarización das súas condicións laborais”. E salientou que a de hoxe é a primeira folga convocada na automoción na historia do país, e no conxunto do Estado español, “unha folga que chega despois de moitas concentracións, mobilizacións, reunións, asembleas e socialización, tanto nas rúas como nos centros de traballo, alertando das ameazas que enfronta o sector”.
O responsábel sindical fixo fincapé en que a convocatoria en solitario da CIG responde a que as demais organizacións “escóndense detrás de comunicados e redes sociais, pero traballo sindical e iniciativas mobilizadoras cero”. Fronte a unha CIG que demostra todos os días nos centros de traballo e na rúa “que nós si cremos que o sector da automoción ten futuro en Galiza; pero non a calquera prezo”. Por iso apelou ao resto de sindicatos que se poñan á fronte, “ao noso lado”, para combater esta situación.
Bouzas lembrou que son as empresas e as Administracións central e autonómica as que someten as persoas traballadoras a unhas “durísimas” condicións laborais e sociais, “mentres os fabricantes de automóbiles seguen aumentando os seus beneficios e a clase traballadora sofre perda de poder adquisitivo, perda de dereitos e precariedade laboral, porque o plan da UE e das empresas non é outro que facer que a clase traballadora sexa a que asuma os custes da transición ao vehículo eléctrico, que suporá o peche de plantas”.
Mais tamén censurou á “inoperancia” do Goberno galego en política industrial, “sendo a Xunta de Galiza marioneta das grandes multinacionais do automóbil, sen ningún tipo de criterio e deixando o futuro da súa poboación ao azar das decisións dos consellos de administración das grandes empresas”.
Por iso criticou que o presidente galego anuncie estes días axudas millonarias ao sector “pero non diga nada de manter os postos de traballo, de reducir a precariedade, de acabar coa desregulación da xornada, de non admitir mais ERTE fraudulentos, nin de rematar coa contratación a través das ETT, empresas multiservizos e centros especiais de emprego”. E que tampouco fale de esixir que os proxectos que subvenciona con diñeiro público se desenvolvan en territorio galego.
“Vemos como miles de millóns de euros dos fondos Next Generation e PERTE VEC se adxudican ao mandato das grandes multinacionais e non dos intereses da clase traballadora. E a día de hoxe non sabemos o plan industrial que se vai aplicar nos vindeiros anos. Pero si sabemos que se lles vai dar máis diñeiro público a cambio de nada”.
Así, criticou que o presidente español non lle teña trasladado ao responsábel de Stellantis na xuntanza que celebraron recentemente que as fábricas de compoñentes teñen que estar ao lado da principal, que aposta por Galiza tamén para a ubicación dunha planta de baterías, que hai que rematar coa deslocalización, que hai que acabar coa precariedade e cos baixos salarios, que as empresas do sector deixen vivir e poder conciliar ás persoas traballadoras ou que as axudas directas á compra de vehículos van ter o mesmo orzamento que as axudas para as persoas traballadoras que se vexan afectadas por períodos de inactividade.
Finalmente, chamou a continuar na loita e na mobilización nas empresas e na rúa para reverter esta tendencia e para lograr erradicar do sector termos como precarización, explotación, deslocalización e reconversión. E agradeceu o apoio a amosado á convocatoria de folga por parte de máis de 30 organizacións sindicais do Estado español, Europa, América do Sur e África e a solidariedade “coa dignidade e a xusta loita” da clase traballadora galega, no mantemento da súa industria do automóbil e dos postos de traballo.