O naval de Ferrol sae á rúa para reclamar investimentos que garantan o futuro dos estaleiros
Traballadores e traballadoras do naval continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para reclamar investimentos que garantan o futuro dos estaleiros da ría, un plan de emprego acorde ás necesidades das instalacións, que se axilicen as incorporacións de persoal xa pactadas e non cumpridas e avances na negociación do convenio colectivo de Navantia.
Nesta xornada, o persoal está secundando un paro laboral dende ás 8h e saíu en manifestación dende as portas da antiga Bazán, baixou pola Avda. do Esteiro, foi até o Polígono da Gándara, dende alí seguiu pola estrada de Castela até a rotonda de acceso á autoestrada no Freixeiro (Narón), onde realizaron unha concentración. Á manifestación de hoxe tamén se sumaron os traballadores e as traballadoras da industria auxiliar.
A mobilización convocouse coincidindo coa reunión en Madrid do comité intercentros para a negociación do convenio (que rematou no ano 2021 e cuxa negociación xa se debería ter producido) e que se desenvolve de xeito paralelo á negociación do plan industrial, debido ao atraso por parte da empresa no inicio destas negociacións.
Agora, a convocatoria adiantada de eleccións xerais intensificou o calendario de reunións e as mobilizacións do persoal, co obxectivo de avanzar nas negociacións, xa que a dirección quere presentar un acordo no último Consello de Administración. Non hai que esquecer que tanto a presidencia de Navantia como da SEPI son cargos nomeados polo Goberno español.
Sobre o futuro das instalacións, o secretario da sección sindical da CIG, Pepe Teixido, rexeitou as pretensións da empresa pública de ligar o plan industrial á facturación e á carga de traballo da propia Navantia, e en función desta definir os investimentos no estaleiro. "Esta formulación non ten sentido, non podes agardar a ter carga de traballo para facer os investimentos e dispor das instalacións necesarias para poder asumir os contratos. É como pretender ter un taller de coches e esperar a que che veñan os clientes para montar o taller", asevera.
Por iso, subliña que é imprescindíbel contar co dique de reparacións, co dique de novas construcións, aumentar a capacidade actual de construción en grada, investir en I+D+I, ou ampliar as capacidades construtivas no eido das enerxías renovábeis, mais alá das actual limitación ás estruturas para a eólica mariña.
Neste senso, Teixido lembra que non cumpriu coas obras importantes recollidas no Plan Estratéxico para o estaleiro de Ferrol, mais si que se están facendo investimentos en Fene que non se contemplan no plan para transformar as instalacións segundo as necesidades da eólica mariña.
A este respecto advirte que estas obras non poden invalidar o estaleiro para acceder no futuro ao sector da construción naval e lamenta que non haxa ningunha alternativa de plan industrial para o futuro da empresa, e moito menos para garantir o futuro do naval público na comarca.
Non se cumpriu o acordo de incorporacións
O representante da CIG engade que, rematada a vixencia do plan estratéxico, tampouco se cumpriu co número de incorporacións pactadas. Nas actuais negociacións, a empresa trasladou a posibilidade de que haxa novas incorporacións de persoal sen saídas colectivas previas, pero supeditando as contratacións a que haxa carga de traballo e en condicións máis baixas.
Teixeiro valora que con esta proposta e "só con eólica mariña en Fene (onde Navantia funciona como unha UTE e non necesita apenas persoal) e coas F-110 en Ferrol, non parece que vaia asumirse o incremento de persoal que consideramos sería o proporcional para as instalacións da ría".
Así as cousas, o persoal da factoría ferrolá é o único que se está mobilizando en demanda dun plan industrial que garanta o futuro da actividade naval e para reclamar un convenio colectivo digno. Neste sentido, Teixido manifestou non entender a postura que mantén na mesa a representación do resto de centros de traballo xa que "se non están de acordo coas propostas de convenio deberíanse mobilizar e se lles vale que o digan abertamente na mesa".