O metal de Lugo irá á folga o 10 de maio para reclamar un convenio digno
Os traballadores e as traballadoras do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo irán á folga o mércores 10 de maio para reclamar convenios colectivos dignos. Así o confirmaron os representantes das tres centrais sindicais nunha comparecencia de prensa para valorar os nulos avances na reunión desta mesma mañá coa patronal.
Unha reunión que, apunta Alfonso Losada, da CIG-Industria, durou pouco máis de media hora e á que a patronal se presentou cunha proposta "totalmente insuficiente". "Só soben os atrasos dos 340€ até os 500€ (o que non chega nin ao 50% do que lle correspondería a moitas categorías), ofrecen medio punto máis no incremento global e ábrense a ampliar a turnicidade a empresas que teñen persoal subrogado", explica.
Pero o empresariado continúa negándose a falar das revisións salariais ano a ano conforme ao IPC real e do abono dos atrasos dende xaneiro, dúas liñas vermellas marcadas polos sindicatos para asinar o convenio. Nun contexto de empobrecemento da clase obreira a causa da elevada carestía da vida, Losada insiste en que as revisións salariais anuais ao IPC, como referencia para garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, "son irrenuncíabeis, non podemos seguir a perder cartos".
Afirma que "a oferta que nos trasladaron hoxe parécenos totalmente insuficiente e por iso o próximo 10 de maio haberá folga no siderometal e no comercio do metal de toda a provincia de Lugo". Ademais, de non producírense avances na negociación, xa están convocadas dúas xornadas máis de folga para os días 23 e 25 de maio, sen descartar un paro indefinido se a patronal teima na súa postura.
Neste senso, CIG, CCOO e UGT fixeron un chamamento a todos os traballadores e as traballadoras do sector a secundar de xeito masivo a folga e a participar nas mobilizacións que se convoquen nesa xornada para darlle unha resposta contundente á patronal e amosarlle "que estamos en disposición de pelexar até conseguir un convenio digno, con salarios xustos e avances nos dereitos laborais".
Losada instou a seguir o exemplo do metal da Coruña e Ourense porque "o único xeito de obrigar a patronal a sentar na mesa e aceptar as nosas demandas é coa loita e a unidade de todos os traballadores e as traballadoras".