O metal da provincia da Coruña retoma as mobilizacións polo convenio
O metal da provincia da Coruña iniciou este mércores un novo calendario de mobilizacións ante o bloqueo da negociación do convenio de siderometalurxia por parte da patronal e para demandar melloras salariais e sociais. Desta volta, delegadas e delegados das tres centrais sindicais realizaron unha concentración diante das instalacións de TMG no Polígono de Río do Pozo, en Narón.
Con este calendario, CIG, UGT e CCOO buscan levar as protestas á patronal que está na mesa de negociación. Deste xeito, o vindeiro día 4 de maio hai convocada en Compostela unha concentración de 10 a 13 horas diante de Castrosúa, e o día 9 de maio están previstas dúas mobilizacións na Coruña: de 10:30 a 11:30 horas diante de IMASA e de 12:00 a 13:00 horas na patronal do sector eléctrico.
As negociacións para o convenio provincial do metal comezaron hai dous anos e medio, pero neste tempo a patronal non aceptou practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, e mesmo busca eliminar dereitos xa conquistados. Un obxectivo para o que se valen das facilidades introducidas polas contrarreformas laborais, que teñen debilitado a negociación colectiva, favorecendo ademais convenios de empresa e os de ámbito estatal.
Aínda que as negociacións non están rotas, a última reunión tivo lugar o pasado setembro e rematou sen ningún tipo de acordo ou avance importante. Fronte a esta parálise, acordouse iniciar mobilizacións no sector co obxectivo de "lograr que a patronal desista da súa actitude mesquiña e conseguir que a negociación remate cun convenio xusto, unhas condicións de traballo decentes e uns salarios dignos".