O mercado laboral galego destruíu 16.000 empregos no primeiro trimestre

O paro subiu en 12.900 persoas e a poboación activa de menos de 35 anos reduciuse en 9400
Nacional - 27 Abr 2017

O noso país perdeu un total de 16.000 empregos nos tres primeiros meses de 2017, mentres que o número de parados/as rexistrados/as foi de 12.900, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Neste período tamén se produciu un descenso da poboación activa en 3000 persoas con respecto ao trimestre anterior, dato que resulta aínda máis preocupante entre a xente nova, onde a caída de activos/as foi de 9400. A isto hai que sumar o aumento do número de fogares con todos os seus membros activos no paro, un total de 4300 máis que nos tres meses anteriores.

A continúa perda de poboación activa, xunto á caída da ocupación, é o dato máis preocupante do mercado de traballo en Galiza; esta situación agravouse nestes últimos anos ao sumarlle a esta menor incorporación de activos o fenómeno da emigración.

A redución da poboación activa no último trimestre foi de 3000 persoas con respecto ao período anterior. Este dato é aínda máis preocupante se analizamos a evolución dos activos/as por grupos de idade, xa que novamente nos atopamos que entre a poboación máis nova -menores de 35 anos- a caída é moito maior: 9.400 activos/as menos.

 

2016/I

2016/IV

2017/I

Variación I2017/IV2016

Total

2.351,10

2.349,30

2.347,30

-2,00

Activos

1.249,00

1.253,80

1.250,80

-3,00

Poboación ocupada

1.021,10

1.049,60

1.033,60

-16,00

Poboación parada

227,9

204,2

217,1

12,90

Inactivos

1.102,20

1.095,50

1.096,60

1,10

Fonte: IGE. EPA. Datos en milleiros.

Ao mesmo tempo, esta perda de activos paliou o incremento do paro, xa que se ben se perderon 16.000 postos de traballo en tan só un trimestre, o número de parados/as incrementouse en 12.900.

Xunta á perda de poboación activa, a destrución de 16.000 empregos nun só trimestre é outro dato a ter en conta, sobre todo neste momentos de elevadas taxas de paro e emigración. No mesmo período do ano anterior a poboación ocupada descendera en 11.000 persoas, polo que o preocupante non só é a perda de emprefo en si senón o feito de que semella que esta tendencia se está a agravar.

A perda de emprego afectou a todos os sectores produtivos, sendo nos servizos onde se produciu a maior baixada, cun total de 10.100 ocupados/as menos.

Outro dato relevante amosa que o 62% dos postos de traballo destruídos foron na provincia da Coruña; poboación ocupada aumentou unicamente en Lugo, pero en tan só 300 persoas. Outra cuestión moi preocupante ten que ver con que a maioría dos empregos destruídos -concretamente o 91%- era a xornada completa.

Esta forte perda de emprego implicou un incremento da taxa de paro de máis dun punto, situándose no 17,4% da poboación activa (17,2 a masculina e 17,5 a feminina), cando no trimestre anterior acadaba o 16,3%. Paralelamente, isto fixo que de novo se incrementara o número de fogares na que todos os activos/as están no paro, acadando os 73.900, un total de 4.300 máis que no trimestre anterior.

Precarización, empobrecemento e exclusión social

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG sinala en primeiro lugar a incidencia que a perda da poboación activa está a ter sobre todo entre a xente nova, o que amosaría o fracaso do Plan de Garantía de Emprego Xuvenil, iniciativa financiada con fondos europeos. Neste senso, Miguel Malvido considera que “perdemos a oportunidade de aplicar un verdadeiro plan de emprego xuvenil, xa que queda demostrado que este non cumpriu os obxectivos”.

Outro dato moi preocupante para o responsábel sindical ten que ver con que a maior parte dos empregos destruídos neste período eran a xornada completa, “o que deixa ver a cada vez maior precarización do mercado do traballo que padecemos, e que é resultado directo das sucesivas reformas laborais impostas, unhas reformas que dende a CIG reclamamos sexan derrogadas”.

Finalmente, o secretario confederal de Emprego e Industria lembra que este tipo de políticas están a afondar no empobrecemento da clase traballadora, o que multiplica os casos de situación de emerxencia e exclusión social. Fronte a isto, chama ao conxunto da sociedade galega a participar nas mobilizacións convocadas pola CIG este Primeiro de Maio para reclamar a recuperación dos dereitos sociais e laborais roubados coa escusa da crise.