O mercado laboral continúa a destruír emprego e no segundo trimestre do ano rexistra 5500 activos/as menos que en 2015
Como vén sendo habitual no segundo trimestre de cada ano, as cifras da EPA deixan ver de novo un incremento da poboación ocupada e un descenso da parada; a situación explícase polo feito de que se trata de contratación ligada ao período estival, e polo tanto aos servizos, o único sector que rexistra un comportamento positivo.
A lixeira recuperación de activos/as, con 7900 máis que no trimestre pasado, non se mantén con respecto ao ano anterior, xa que a nivel interanual continúa a perda de poboación activa, concretamente 5500 activos/as menos.
Ao mesmo tempo, o incremento da poboación ocupada (un total de 12.900 persoas), prodúcese case exclusivamente no sector servizos, onde a ocupación medra en 13.000; na construción prodúcese unha perda de ocupados/as, 1500 persoas menos, mentres que a industria non rexistra variación.
O feito de que a práctica totalidade do incremento da ocupación sexa no sector servizos, así como que a maioría dos contratos fosen temporais, demostra o carácter meramente conxuntural desta evolución
As principais variábeis evolucionaron da seguinte maneira:
| 2015/II | 2016/I | 2016/II | Variación trimestral | Variación interanual | |
| Total | Total | Total | Absoluta | Relativa | Absoluta |
Total | 2.360,20 | 2.351,10 | 2.349,50 | -1,60 | -0,1 | -10,70 |
Activos | 1.262,40 | 1.249,00 | 1.256,90 | 7,90 | 0,6 | -5,50 |
Poboación ocupada | 1.009,90 | 1.021,10 | 1.034,00 | 12,90 | 1,3 | 24,10 |
Poboación parada | 252,5 | 227,9 | 222,9 | -5,00 | -2,2 | -29,60 |
Inactivos | 1.097,80 | 1.102,20 | 1.092,50 | -9,70 | -0,9 | -5,30 |
Fonte: EPA. INE
Outro dos factores negativos do comportamento do paro ten que ver con que a pesar de que o número de parados reduciuse en 5000 persoas, persiste unha taxa de desemprego xuvenil do 52,1%; ademais, o 44% dos parados/as levan máis de dous anos nesta situación. E un total de 75.700 familias teñen a todos os seus membros activos no paro.
Atendendo a estes datos, dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG inciden no fracaso das sucesivas reformas laborais aplicadas polos Gobernos do PSOE e do PP, xa que serviron unicamente para devaluar os salarios e precarizar as condicións de traballo.
Neste senso, o seu responsábel, Miguel Malvido, alerta de que as conecuencias destas reformas deixan o noso país nunha situación social insostíbel, “con milleiros de traballadores/as no límite da pobreza e en risco de exclusión, xa que na actualidade contar cun salario non garante unha vida digna”.
Finalmente, Malvido fai fincapé na alta temporalidade do emprego, que non deixa de medrar mes a mes, así como na elevadísima taxa de desemprego xuvenil e de longa duración. “Non pode ser que haxa case 76.000 familias con todos os seus membros no paro, xa que isto quere dicir que nos atopamos diante dunha situación sociolaboral moi grave”, remata.