O Hotel Carrís Almirante comunica que retoma a actividade logo dun ano de peche e ter a todo o persoal nun ERTE fraudulento
A CIG-Servizos acabade coñecer a intención da empresa Carrís Hoteles de reiniciar a actividade no estabelecemento que xerencia na cidade de Ferrol, o Hotel Almirante, tras mantelo pechado e a todo o persoal nun ERTE fraudulento durante un ano, dende abril de 2022.
A día de hoxe a situación do inmóbel "non pode ser máis desfavorable á apertura", denuncian, debido "a un total deixamento no mantemento do edificio por parte da empresa durante o ano de peche". Neste senso, a CIG-Servizos salienta que o inmóbel precisa agora dunha "posta a punto profunda", retirando a roupa das camas e substituíndoa por outra nova, colocando as portas rotas froito dos intentos de roubo acometidos, revisar sistemas de electricidade, fontanería e facendo limpeza a fondo de todas as instalacións.
Para tal cometido a empresa informou á delegada de persoal, das intencións da empresa de ir desafectando paulatinamente a todo o persoal para ir adiantando os labores de posta a punto do hotel.
"Non podemos esquecer a situación de precariedade á que Carrís Hoteles condenou o persoal, esgotando as súas prestacións por desemprego na espera de que a empresa tomase a decisión de reactivar a actividade, e non importándolle o máis mínimo a situación pola que as traballadoras e os traballadores tiveron que pasar durante o ano de inactividade, empurrando á busca de emprego para poder subsistir mentres a empresa mantiña inxustificadamente o ERTE no tempo", denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
Rodríguez avanza que a situación que se aprecia "non é doada", tendo que reiniciar a actividade dende cero, cunha marxe de tempo mínima, "e cun persoal doído polo comportamento que a empresa tivo con el". A CIG permanecerá alerta a calquera incidencia que se poida dar durante o período de recuperación da actividade produtiva.