O Grupo Cándido Hermida está subcontratando traballos cando aínda ten persoal propio en ERTE

CIG-Industria e a FCM-CIG xa puxeron esta situación en coñecemento da Inspección
Ferrol - 25 Nov 2020

A CIG-Industria e a FCM-CIG de Ferrol veñen de presentar denuncia na Inspección de Traballo para que investigue a subcontratación de traballos que está a facer o  Grupo de Cándido Hermida, a o tempo que mantén en ERTE a traballadores e traballadoras do seu cadro de persoal, que poderían asumir estas tarefas.

As distintas empresas do Grupo Cándido Hermida (Induca, Loira Inter, Inmega, Inaval, CH Nuevos Materiales e CH Constructora) atópanse nun ERTE por causa de forza maior dende marzo con motivo da crise sanitaria do Covid-19. A estes alturas, aínda quedan traballadores e traballadoras no desemprego que non foron reincorporadas ao traballo, "o que supón unha grande redución nos seus ingresos xa que están a cobrar o 70% da base reguladora".

Porén, ao mesmo tempo, explica Vicente Vidal e Marcos Sánchez, secretarios comarcais da CIG-Industria e FCM-CIG, respectivamente, non para de incrementarse a subcontratación de traballos (fabricacións, montaxes etc),  que deberían e poderían ser realizados polo persoal propio das distintas empresas do Grupo "posto que se trata de traballos habituais desenvolvidos por estas empresas".

Unha medida sen xustificación

A medida, engaden, tampouco ten xustificación dende o punto de vista económico, "xa que está pagando por traballos fora á vez que ten que facer fronte ás cotizacións dos traballadores e traballadoras que están no ERTE e pagarlle as empresas subcontratistas polo seu traballo". Neste senso, Vidal e Sánchez inquiren tamén a respecto de se estas empresas subcontratadas "cumpren coa actual lexislación en canto ás condicións laborais das e dos seus traballadores".

"Dende a CIG mostramos a nosa preocupación ante esta actitude e agardamos que non sexa unha estratexia de cara a endebedar as empresas do Grupo para intentar xustificar algunha decisión a futuro", alertan.

Os responsábeis sindicais denuncian este tipo de prácticas sen sentido que ao único que levan "é a incrementar o sufrimento do persoal que tanto ten contribuído ao crecemento da empresa, pero polo que se pode observar a “boa fe” que pregoa a dirección de Cándido Hermida esta moi lonxe de chegar aos seus traballadores e traballadoras".

Represalia contra o persoal

Nesta liña, sospeitan que os ERTE que seguen vixentes no Grupo, "con subcontratación de traballos que poden desenvolver as e os operarios de Cándido Hermida, son un axuste de contas polos movementos que se produciron nos últimos conflitos entre as empresas e os traballadores e traballadoras, de non aceptar a aplicación dunha xornada irregular e de querer negociar uns ERTE que non fosen tan lesivos para os seus intereses".

Doutra banda, ambas federación da CIG denuncian a situación en canto á limpeza e á desinfección  que están a soportar o persoal non afectado polos ERTE, "cunha redución das horas da empresa que presta os servizos de limpeza das instalacións do Grupo, cando debido a alerta sanitaria  esta limpeza e desinfección debería ser moito maior que nunha situación de normalidade, para evitar o máis posíbel os contaxios".