O Goberno volve prorrogar os ERTE incidindo nas condicións inxustas, recortando coberturas e sen dar solución ao persoal máis precarizado
Unha vez máis o Goberno español, UGT, CCOO e a patronal pactan unha prórroga dos ERTE que incide nos aspectos máis inxustos desta medida: non hai garantías de mantemento dos postos de traballo, déixase toda a capacidade de decisión ás empresas, e segue sen achegarse solución aos traballadores e traballadoras temporais que perderon o seu emprego dende o 14 de marzo.
Dende o inicio da pandemia, transformada nunha enorme crise económica e social, as medidas adoptadas van na liña contraria do que a CIG entende resultaría máis beneficio e xusto para o conxunto da clase traballadora. "En cada acordo que sae do diálogo social afóndase na desprotección da clase traballadora e négase unha saída xusta á crise", alerta o secretario xeral, Paulo Carril. Neste senso, reitera que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza nestes anos, nomeadamente as reformas laborais e das prestacións por desemprego de 2010 e 2012.
Necesidade de derrogar as reformas laborais
"Anular estas reformas permitiría que a negociación dun ERTE ou ERE non estea en mans exclusivas da empresa, senón que requiriría do acordo coa representación sindical e recuperaríase o exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa pola Administración", explica. Xunto a isto, Carril subliña que, para minimizar o impacto dos ERTE, débese prohibir que se simultaneen con outras medidas lesivas como un descolgue salarial ou a inaplicación do convenio; e garantir de xeito xeral para toda a clase traballadora que todo o tempo de regulación se considere como tempo de paro non consumido (o chamado contador a 0).
Tamén obrigar as empresas a completar até o 100% dos salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do ERTE.
Así mesmo, a CIG defende que estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa percibindo prestación por desemprego, tendo en conta que nesta nova prórroga redúcese o número de persoas traballadoras que poden acceder ás condicións máis beneficiosas, deixando fóra precisamente a aqueles colectivos máis precarizados e aos que o Ingreso Mínimo Vital non está dando resposta suficiente. "Estas persoas deben poder beneficiarse, cando menos, do "contador a cero" e ter garantido o cobro do 70% da base reguladora máis alá dos seis primeiros meses no desemprego".
Mánteñense as exoneracións pero non se muda a política fiscal
En relación con isto, Carril subliña á problemática de como afrontar o enorme gasto público xerado por esta situación extraordinaria, xa que a protección do capital prima sobre a protección social; é dicir, mantéñense as exoneracións abusivas das cotas empresariais (sendo as compañías de maior tamaño as grandes beneficiadas) mentres se desvían os fondos da Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE.
"En vez de aplicar unha política fiscal progresiva ou recorrer a outras partidas (como os gastos militares ou os destinados á casa real), a solución que se ofrece pasa por reducir as coberturas e financiar estas medidas cos cartos de todos os traballadores e traballadoras", advirte.
A CIG pide habilitar un procedemento especial para o cobro do paro
Xunto a isto, a CIG demanda que se habilite un procedemento especial para o cobro puntual a día primeiro do mes das prestacións por desemprego e solucións aos problemas que o SEPE está xerando no recoñecemento da prestacións segundo as circunstancias persoais (fillos/as a cargo, etc.).
Ademais, a central advirte da carga fiscal que van ter que afrontar os traballadores e as traballadoras afectadas por ERTE o próximo ano por ter dous pagadores (a empresa e o SEPE) e que, en condicións normais, non estarían obrigadas a declarar.