O Goberno de Mugardos ignora as demandas do persoal, modifica a RPT e négase a acatar o laudo
En pleno conflito laboral, e cunha manifestación convocada para o próximo día 25 por todos os sindicatos con representación, o Concello de Mugardos "continúa coas políticas contra os traballadores e as traballadoras municipais". O comité de empresa denuncia que o Goberno local ten convocada para hoxe unha mesa xeral de negociación para modificar a RPT, "pero en cuestións que non inclúen ao persoal que por lei debería estar".
Lembran que existe un laudo (con valor de sentenza) que recomenda a modificación da RPT para a inclusión de todo o persoal, pero que o Goberno de Esquerda Unida se nega a asumir, ademais de teimar en non asinar o convenio colectivo para o persoal laboral, aprobado hai case un ano.
Na mesa xeral deste xoves, denuncia o comité, o Goberno tamén pretende aprobar a convocatoria dunha praza de xeito libre, "aínda que en negociacións anteriores se chegara ao acordo de facelo por promoción interna".
Un novo "paripé" de negociación
Ante este despropósito, as organizacións sindicais con representación no comité decidiron non acudir "a outro paripé de negociación, pola falta de seriedade deste Goberno municipal, que non ten interese en respectar as demandas e dereitos dos seus traballadores e traballadoras".
Dende o comité lamentan que hai tres persoas "que están a boicotear o traballo do persoal municipal de xeito constante, impedindo que o acordo entre os sindicatos e 10 concelleiros/as da Corporación municipal remate no asinamento dun convenio digno, que xa fora aprobado en novembro de 2017, co voto favorábel tamén destes tres concelleiros/as".