O feminismo enche as rúas de Galiza cun clamor para que os coidados estean no centro das políticas
Se o domingo pasado Verín era o epicentro das reivindicacións feministas, este domingo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, as rúas das cidades e vilas galegas quedaban pequenas para acoller as miles de persoas que, convocadas pola plataforma Galegas8M, participaron nunha xornada de loita para denunciar a invisibilización do traballo dos coidados, para revalorizalos social e economicamente e para reivindicar que as tarefas de reprodución son motor da vida e esixir que estean no centro das políticas públicas.
Manifestacións, concentracións, foliadas feministas, recitais de poesía, intervencións na rúa ou xantares de convivío, foron algunhas das múltiples accións que este domingo se desenvolveron por toda Galiza e que conclúen o traballo de varios meses de encontros, asembleas e debates levadas a cabo pola diversidade de colectivos e de mulleres a título individual que forman parte de Galegas8M.
A resposta masiva ás convocatorias deste 8 de Marzo evidencia ás claras, tal e como apunta a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, "que facemos parte dun movemento imparábel, que esiximos poñer a vida das persoas no centro das políticas públicas, e que non imos calar até que se consiga a eliminación das violencias machistas e de todas as discriminacións que padecemos as mulleres".
Visibilizando o invisíbel: os coidados
Tras dous anos de folga xeral de mulleres, o feminismo galego quixo pór o foco no invisíbel: os coidados, que “son moito máis que a casa, as crianzas e as persoas dependentes. Coidados son todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución da vida, todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal e como a coñecemos, non sería posíbel”, destacouse nos manifestos lidos nas mobilizacións.
Imaxes das mobilizacións da provincia de Pontevedra
Neste senso, Corral apuntou que “a meirande parte da poboación considera 'natural' que as tarefas de coidado sexan realizadas polas mulleres” e que no mercado de traballo, os traballos feminizados seguen sendo sinónimo de oficios precarios, nos que se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade".
Por iso sinalou como un dos maiores desafíos para abordar a desigualdade socioeconómica e política que existe, “transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como coaccións sociais non percibidas como tales e que as persoas asumimos en moitos casos sen cuestionalos, ás veces en contra dos nosos propios intereses”.
Un mandato que no que Galegas8M implica aos homes na demanda dunha corresponsabilidade imprescindíbel para que eles tamén entren na esfera dos coidados, que a reprodución da vida deixe de asociarse unicamente as mulleres e que se abra un debate fondo sobre como asumilos colectivamente.
Sobreexplotación das mulleres
Porque este tipo de violencia simbólica, advertiu Margarida Corral, lévanos a unha sobreexplotación das mulleres. “Unha disposición feminina estimulada culturalmente que nos conduciu a unha desigualdade histórica, onde as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situacións de precariedade e mesmo explotación”.
Por iso resaltou que “cando falamos de socializar os coidados, falamos de asumir que este é un compromiso colectivo, responsabilidade na que a sociedade debe participar solidariamente”. Ademais denunciou que o traballo reprodutivo, doméstico e de coidados que realizan de forma moi maioritaria as mulleres é “constantemente desvalorizado” polo capitalismo, porque “se tivese que pagar polo valor real que teñen estes traballos, non podería seguir acumulando bens”.
Outros eixos de traballo
Alén dos coidados, Galegas8M tamén estende esta reivindicación ao coidado do territorio, esixindo pór as necesidades de reprodución da vida por diante das necesidades de produción económica, poñendo en valor a nosa contorna, denunciando o espolio da nosa terra e reclamando que se dote o rural de servizos públicos axeitados á realidade galega, entre outras cuestións.
Outro eixo que centra as demandas deste ano está no eido do consumo, pedindo un consumo consciente e facendo un chamamento a empregar ferramentas diferentes para rachar coa roda do capitalismo: mercando produtos de proximidade, en tendas locais, cooperativas e prazas de abastos, seguindo un criterio ético á hora de escollelos, empregando menos envases, tecendo redes e facilitando o intercambio. En definitiva, unha aposta por gañar soberanía a respecto das multinacionais e do seu control sobre as nosas vidas.