O ERTE de XEAL rematou este venres, pero a empresa négase a recuperar a produción nas fábricas
A dirección de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas) confirmou na reunión mantida o pasado venres co comité que non recuperará a actividade produtiva na factorías, a pesar do remate do ERTE, e só ten intención de manter operativos dous dos cinco fornos. Deste xeito, confírmase o que o comité advertiu dende o primeiro momento, que o ERTE era unha fraude, que non existían causas e que o único obxectivo da empresa era aproveitar a crise sanitaria para afianzar o plan de paralización dos fornos, desmantelamento das factorías e recorte de emprego.
Hai xa un ano que a nova empresa adquiriu o complexo industrial e enerxético "pero a día de hoxe seguimos sen ter plan de viabilidade, sen ter o contrato e acordos con Ferroglobe, e sen executar ningún dos investimentos comprometidos", denuncia o presidente do comité, Alfonzo Mouzo (CIG). Neste tempo, engade, a única certeza clara foi un recorte progresivo da produción e do emprego directo e nas auxiliares e subcontratas, medidas que comprometen a viabilidade das fábricas de Cee de Dumbría. A día de hoxe a actividade productiva das ferroaliaxes é inferior ao 8% da súa capacidade.
Diante disto, o comité estudiará retomar un calendario de mobilizacións a realizar nas próximas semanas para esixir o rearranque dos fornos e garantías de futuro das fábricas e dos empregos.
A Xunta ten competencias e debe exercelas
Así mesmo, o comité lámbralle á Xunta ten que exercer as súas competencias dunha vez e esixirlle á empresa que presente o preceptivo plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións hidroeléctricas. "O Goberno de Feixoo non pode agardar máis para actuar cando as nosas fábricas morren de inacción mentres a empresa enche os petos grazas a enerxía que se produce a conta de espoliar os nosos recursos naturais", asevera Mouzo.
Non hai que esquecer que mentres XEAL aplica recortes drásticos na produción, a xeración de enerxía nas centrais deu uns beneficios de 5 millóns de euros ao mes durante este inverno e que a empresa segue négandose a retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a separación de actividades.
"Parece unha obviedade cal é o interese real da empresa. Por iso, a Xunta non pode agardar máis, ten que garantir que se cumpran as cláusulas de non segregación, a través do tan demandando plan de viabilidade, e ten que velar porque se leven adiante os investimentos comprometidos nese proceso de venda e que foron respaldados por Ferroglobe", reiteran.
A empresa beneficiase de axudas públicas e concesións hidroeléctricas "polo que a Consellería de Industria ten a obriga de fiscalizar a venta e comprobar o grado de cumplimento de ditas concesións para garantir a actividade industrial e postos de traballo".