O emprego precario, temporal e conxuntural suaviza os datos da EPA

As contratacións correspóndense coa tempada de verán e fundamentalmente co sector Servizos
Nacional - 26 Out 2017

O terceiro trimestre do ano, ao englobar os meses estivais é, tradicionalmente, un período con resultados positivos no mercado de traballo, máxime cando o sector Servizos, e especialmente as actividades relacionadas co turismo,  teñen cada vez maior peso na economía. Este último do ano 2017 non foi unha excepción. Outra cuestión é a calidade do emprego que se creou. “Un día de choiva na seca laboral que provocan as políticas do PP”, segundo o define o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle.

As principais variables amosan, neste último trimestre, un medre da ocupación, un medre da poboación activa e un descenso das persoas desempregadas. Porén, cómpre ter en conta que dos/as 23.600 novos/as ocupados/as, o 65% están relacionados/as con algunha actividade do sector servizos.

Principais variables. Datos en miles.

 

2016/III

2017/II

2017/III

Variación % III17/II17

Variación absoluta

Total

2.349,30

2.343,90

2.339,90

-0,2

-4,00

Activos

1.264,60

1.250,30

1.254,20

0,3

3,90

Poboación ocupada

1.057,90

1.048,90

1.072,50

2,2

23,60

Poboación parada

206,7

201,5

181,7

-9,8

-19,80

Inactivos

1.084,70

1.093,60

1.085,60

-0,7

-8,00

Fonte EPA.INE.

Con estes novos datos a taxa de paro sitúase no 14,5% da poboación activa, ao descender o número de desempregados/as en 19.800 persoas. Unha noticia que sería positiva se o emprego creado non fora maioritariamente temporal –o 57% das/os novas/os asalariadas/os foron contratados baixo esa modalidade- e en condicións precarias.

Para o secretario confederal de Emprego estamos, xa que logo, diante dun “novo espellismo estival, onde o sector turismo e mesmo a contratación de persoal para  a campaña de verán na loita contra incendios permiten paliar durante uns meses a grave situación de desemprego que padece Galiza”, máis non dun cambio estrutural que faga pensar nunha melloría real do mercado laboral en Galiza.

Exclusión social

De feito, xunto con estas variábeis conxunturais Cartelle manifesta  a preocupación da CIG polos datos estruturais que amosan aínda a existencia de 61.000 familias con todos os activos en paro. “Xente que está condenada á exclusión social por este goberno, incapaz de articular unha soa medida para paliar a súa situación”.

A este respecto denuncia que nos Orzamentos da Xunta para 2018 non se inclúe partida algunha nin para abordar esta cuestión, nin para mudar as políticas de emprego. “Non dá solución algunha á conxunturalidade do emprego, nin para favorecer a súa creación, e menos garantir que sexa en condicións dignas”, conclúe Cartelle.