O desemprego cébase na mocidade, expulsada de Galiza polas políticas da Xunta e do Estado español
No primeiro trimestre de 2019 descendeu a ocupación, a poboación activa e o número de persoas con ocupación a tempo completo. Fronte a isto, aumentou a poboación asalariada con contratos temporais, o paro de longa duración e o número de fogares sen ingresos. Ademais, dos datos da EPA tírase que case un terzo dos mozos e mozas galegas, o 31%, están no paro. Unha porcentaxe, para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, “dramática” que constata “o estrepitoso fracaso das políticas económicas e laborais neoliberais dos gobernos da Xunta e do Estado español”.
A gravidade da situación é aínda maior cando dos últimos datos da Axencia Tributaria tírase que os salarios das e dos menores de 18 anos caeu case un 70% desde 2009 e entre os 18 e os 35 anos non chegan sequera ao Salario Mínimo Interprofesional.
E se isto non fora abondo son tamén os que máis sofren a temporalidade. No ano 2018 case un 50% dos menores de 35 anos que conseguiron un deses traballos mal pagados tiveron contratos temporais, de semanas e mesmo de días. Unha situación que afectou sobre todo ás mozas.
“Este é o terrible balance das reformas laborais que teiman en manter PP e PSOE. Reformas pensadas para beneficiar ao capital mentres expulsan á nosa mocidade do país por falta de alternativas”, denuncia Cartelle, para quen é imprescindíbel que “nas vindeiras eleccións a clase traballadora galega aposte por forzas políticas que pensen no noso tecido produtivo e que gobernen en funcion dos intereses da maioría social de Galiza e non das elites económicas”.
Perda de poboación activa e descenso de poboación ocupada
A mocidade non é a única que padece as nefastas políticas económicas e laborais ditadas polos gobernos da Xunta e do Estado español. A EPA tamén constata que o primeiro trimestre de 2019 rematou con perda de emprego, porque hai 7.900 persoas ocupadas menos.
Continúa a perda de poboación activa un trimestre máis. Desta volta o descenso afectou a 2.800 persoas cuxas idades están comprendidas por debaixo dos 39 anos, o que implica un novo incremento do envellecemento da poboación activa e dá a idea de até que punto a emigración “é a única alternativa laboral que ofrecen uns gobernos que literalmente expulsan á xente nova de Galiza provocando que se agrave a crise demográfica que eles mesmos provocan”, sinala o secretario confederal de Emprego.
Afóndase a perda de calidade do emprego
No que atinxe á calidade do emprego, descendeu o número de persoas con ocupación a tempo completo en 16.700 e medrou en 5.900 o número de persoas con xornada parcial. Se a isto se engade o maior descendo de poboación asalariada con contrato indefinido que temporal, temos, “non só perda de emprego senón tamén un forte deterioro da calidade do mesmo”.
Ademais onde aumentou o número de persoas desempregadas foi entre o colectivo das e dos que levan máis de un ou dous anos no paro, o que agrava a súa situación económica e, no que atinxe os fogares con algún activo pero sen ingresos, pasaron de 54.200 a 55.000.
“Agrávase unha precariedade que se está instalando en Galiza de forma imparable e aumentan a pobreza e a exclusión social sen que nin a Xunta nin o goberno do Estado español articulen políticas que favorezan a creación de emprego e permitan paliar o cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega”, asegura Cartelle.
Miles de postos de traballo en xogo
Con todo, para o secretario confederal de Emprego máis grave é aínda a situación que se albisca coa enorme cantidade de postos de traballo que están en xogo en Galiza pola situación de abandono na que o goberno Feijóo e o goberno español ten aos nosos sectores produtivos.
Así sinala a situación das industrias electrointensivas, como Alcoa Coruña con 375 postos de traballo directos; Alcoa San Cibrao (A Mariña) (Alúmina) 501, só directos; Ferroatlántica, con 314, ou de Meirama, onde se levar a cabo o cese de actividade, afectaría a uns 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa.
A isto engade a situación das auxiliares do naval de Ferrol, onde están en perigo entre 600 e 800 postos de traballo; Vulcano: arredor de 100 postos de traballo directos e outros tantos indirectos; Poligal, 117. O ERTE de Faurencia Asientos de Galiza que afecta a unha parte do cadro de persoal, 400 traballadoras e traballadores, para todo o este ano 2019; Unitono en Ourense, centro de chamadas que traballa para Naturgy con 131 postos de traballo en perigo por deslocalizacion a Polonia e Cataluña.
Salienta o caso de Bosh, centro de chamadas en Vigo que é a segunda empresa con máis traballadores despois de Citröen un ERTE para 600 persoas, pola deslocalizacion de Vodafone a países de América do Sur; a situación en Copo Ibérica tiveron paros de 2 horas por despedimentos.
Xunto a isto as empresas da automocion como GKN Driveline, Gestamp, Borwarner perderon a parte do seu cadro de persoal eventual pola incertidume do diesel con máis de 150 traballadores/as por empresa; o caso de Levantina, empresa de construción en Porriño, cun ERE extintivo para 33 persoas ou de Maderas Iglesias con outro ERE extintivo para 60 persoas. O ERE de DIA que afecta en Galiza, segundo as últimas informacións, a 108. O ERE extintivo de Pili Carrera, que se efectivizou para 29 persoas.
Casos polos que Fran Cartelle chama a tomar as rúas este Primeiro de Maio para exixir en Galiza emprego, salarios e pensións dignas, subliñando ademais que “as traballadoras e traballadores teñen este domingo a oportunidade de mudar a situación apostando por forzas políticas galegas que sexan determinantes para un cambio real e profundo das políticas executadas coa escusa da crise e que provocaron a grave situación que padece Galiza e a clase traballadora galega”.