O copagamento das pensións: A cerimonia da confusión
O obxectivo de fondo desta proposta do Goberno do Estado, como todas que afectan ás pensións desde hai anos, non é máis que diminuír as pensións públicas con calquera escusa para inducir a aqueles que poidan facelo a contratar pensións privadas
A Ministra de Sanidade acaba de sinalar que van estudar se convén subir o copagamento das medicinas aos xubilados que ingresen máis de 18.000 euros brutos ao ano que, en catorce pagas, supoñen 1.285,71 euros por paga. O copagamento aumentarase desde os 18.000 aos 100.000 euros de ingresos e un dos argumentos fortes da Ministra e quen a apoia é “que paguen máis os que máis teñen”.
As súas formulacións están tan inzadas de confusións que levan a pensar que son deliberadas, porque se así non for, manifestaría unha incompetencia tan acentuada da Ministra e o Ministerio que poñería en dúbida a súa capacidade para rexer parte dos asuntos públicos deste país. É difícil facelo peor. Primeiro lánzase un globo sonda dunha enorme confusión, despois retráctanse, para un pouco máis tarde volver propor de novo o tema con máis e máis sarillos. É penoso que os nosos máximos dirixentes políticos (dirixentas nestes casos) se especialicen en crear desconcertos. Vexamos algúns aspectos:
Confusión na formulación dos ingresos sometidos á posíbel reforma: Refírense aos pensionistas con ingresos entre 18.000 e 100.000 euros ao ano. Necesariamente, téñense que referir aos ingresos totais que perciben as persoas por outros conceptos, agrupando todos os que algunhas (poucas) persoas ingresan, ou é que ninguén lles dixo no Ministerio que a pensión máxima que pode percibirse por xubilación neste país é de pouco máis de 2.500 euros brutos por paga (ao redor de 35.000 euros ao ano)? É vergoñento que para xustificar o seu propósito se refiran a quen percibe até os 100.000 euros, facilitando e estimulando a confusión entre perceptores de pensións e perceptores de ingresos totais. Un pensionista, como tal xubilado, non pode recibir máis que 35.000-36.000 euros ao ano brutos (que é como se proporcionan sempre as cifras oficiais). Se percibe máis, provirán doutras fontes particulares de ingresos.
Só un 16,45 % de xubilados perciben pensións de máis de 1.500 euros por paga, é dicir, máis do 83,55 % de xubilados reciben menos de 1.500 euros e millóns deles moi por baixo desa cantidade (o 66 % reciben menos de 1.000 euros e o 17 % menos de 600 euros). Os pensionistas non nadan na abundancia. É sabido que hai pensionistas que non toman as medicinas que se lles prescriben se teñen que pagar por elas, pois a súa pensión non lles alcanza. Quen goce de ingresos superiores a estas cifras quere dicir que os percibe por outras fontes, cal é o propósito de relacionalos coas cifras das pensións senón facer ver que os pensionistas gozan de rendas altas, cousa absolutamente contraria á verdade?
Ignoran que actualmente moitos pensionistas están colaborando estreitamente ao mantemento dos seus fillos en paro ou con salarios de miseria e dos seus netos. Dispoñerán aínda de menos diñeiro para cumprir esta función imposta polo desastroso mercado laboral -paro e salarios de miseria- deste país?
Na proposta mestúrase de forma moi equívoca o tema dos ingresos co das pensións e co tema da sanidade. "Se Vd. ten máis ingresos -mesturándoos con si proveñen ou non da pensión- pagará un maior copagamento", relacionando así o dereito á sanidade, co nivel de ingresos de forma bastante distinta á do resto da cidadanía.
Esgrimen como argumento concluínte que "paguen máis os que máis teñen". Por suposto. E podería ser estupendo que os membros do goberno do PP descubrisen este principio. Poderíase estar de acordo con esta formulación se non fose porque este slogan non o aplican á Facenda Pública, onde os que máis teñen, sobre todo en forma de beneficios polas diversas formas de propiedade do capital, acaban pagando moito menos. A utilización deste slogan por unha Facenda Pública que destaca polos seus impostos regresivos (pagan máis os que menos teñen) fai que se poña rubio calquera que teña a mínima sensibilidade social. O cinismo de quen o presenta como xustificante das súas medidas é de tal magnitude que dá vergoña allea. Os pensionistas, na súa inmensa maioría, non chegan sequera aos 30.000 euros ao ano. Son estes os que teñen que pagar máis?
Como empezan a advertir que o colectivo de pensionistas se empeza a mobilizar para esixir o que se lles debe (as pensións foron pagadas con anterioridade cando eran traballadores en activo polos agora pensionistas), tentan dividir o colectivo de pensionistas facendo ver que existe unha categoría de "privilexiados" que pode ter ingresos -que non pensións- de até 100.000 euros, que deberían pagar máis. Queren orientar a protesta polo baixo importe das pensións cara aos pensionistas que cobran a suma de 2.500 euros ao mes, que, ademais, son tan poucos, que aínda que se eliminasen de todo non resolverían nin remotamente o (ficticio) problema do financiamento das pensións.
Se queren aumentar o copagamento das medicinas para a poboación en xeral que non o vinculen ás pensións. É unha medida tramposa e cínica.
En realidade, o que están tentando facer é diminuír as pensións. Para iso recorren a todo tipo de medidas que pensan que lles poden servir: lexislan para que non poidan subir máis de 0,25 % ao ano, o que supón unha importante perda de poder adquisitivo, e agora tratan de diminuír o valor real das minguadas pensións. A maioría de persoas de idade avanzada necesitan moitas medicinas o que implica que un copagamento maior supón unha diminución importante da súa capacidade adquisitiva. Dado que o maior número de pensionistas perciben prestacións por baixo dos 21.000 euros (1.500 x14) son eles o maior número aos que lles afectará o aumento do copagamento, porque é moi dubidoso que haxa pensionistas con ingresos que se aproximen aos 100.000 euros. Xa se referiron nalgunha ocasión a que habería que revisar as pensións máis altas. Como non se atreven a facelo directamente -non esquezamos que que cobran os 2.500 euros por paga pasou máis de 35 anos pagando por moito máis- utilizan esta vía indirecta para rebaixar o importe real das pensións É un imposto adicional a unha parte moi vulnerábel da poboación.
O obxectivo de fondo desta proposta, como todas que afectan ás pensións desde hai anos, non é máis que diminuír as pensións públicas con calquera escusa para inducir a aqueles que poidan facelo a contratar pensións privadas. O tema do financiamento das pensións e a carencia de fondos para estas perverteuse de todas as formas imaxinábeis e é enganoso. O Goberno quere diminuír o apoio público á poboación, que xa pagou anticipadamente por estas, para que todos os que poden aforrar algo contraten unha pensión privada, que só favorece ao sistema financeiro. Non vacilan en recorrer a calquera medio, e ademais fano moi mal. Se non fose tan dramático o tema, a forma en que o formulan daría risa: Cantos pensionistas teñen ingresos aproximados aos 100.000 euros ao ano, nin sequera aos 50.000? Presentar o tema desta forma quere dicir que nos toman por estúpidos ou incapaces de percibir o engano e a mala intención que se agocha tras as súas formulacións. Polo menos que respecten a poboación, que non nos tomen por parvos, engadindo o insulto á inxuria.
É de esperar que a poboación deste país, posto que toda ela será pensionista algún día, rexeitará estes proxectos e a forma en que os presentan. Só unha decidida resistencia pola poboación á deterioración, até a destrución das pensións públicas que se pretende con estas medidas fará que estas se manteñan, ou por que non?, que melloren.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 16 de xaneiro de 2017]