O convenio de pedra e mármore consolídase como o mellor do eido da construción da provincia da Coruña

A Coruña - 10 Xun 2024

A ampla maioría sindical que ostenta a CIG no sector da pedra e mármore da Coruña garantiu que o convenio do ramo, asinado o pasado xoves, siga medrando e mesmo teña superado ao seu convenio marco de referencia (o do sector da construción), ao que mellora amplamente no eido salarial, conservando e até incrementando o poder adquisitivo do persoal (a liña vermella da CIG).

A FCM-CIG quere expresar a súa satisfacción por poder ter logrado (non sen dificultades) un acordo que consolida os avances acadados neste convenio dende que a  central nacionalista se fixo por primeira vez con maioría absoluta. A este respecto, a federación salienta a salvagarda  das cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC, ao contrario do que pasa nos convenios nos que a CIG non ten maioría (como construción e derivados do cemento), "nos cales os sindicatos españois renunciaron en todo caso a estas cláusulas".

En materia económica, logrouse un incremento salarial do 10% que será aplicado nas nóminas de 2024 (cun prazo de 3 meses para aboar os atrasos). Isto supón, por exemplo, "que un/ha oficial de 1ª de pedra e mármore gañará este ano 2.900€ máis que o seu homónimo da construción, case 250€ ao mes máis, e só 30€ ao mes menos que o convenio do metal", explica a FCM-CIG.

Ademais, acadáronse outras melloras como o incremento das axudas de custo (44€ a dieta completa, 20€ a completa sen pernocta, e 10€ a media dieta, mantendo o mellor prezo de dieta de quilometraxe de todos os convenios do ramo con 0,36€/km); a suba nos seguros de accidente até os 90.000 euros (un aumento do 63%); a limitación dos contratos fixos-discontinuos que precarizan o sector; o aumento do plus de quendas instalado no anterior convenio; ou eliminar o perverso Plan Privado de Pensións.

A CIG apunta que este convenio constitúe "a demostración palpábel que o mellor convenio é sempre o que se negocia aquí e non en Madrid, por e para a clase obreira galega, organizada coa CIG en defensa dos seus intereses".