O Consello de Contas ve indicios de incumprimento do contrato adxudicado pola CRTVG a Overon
O Consello de Contas remitiu o pasado día 6 de xuño un escrito á CIG de resposta á denuncia que este sindicato presentou o pasado 17 de marzo sobre o incumprimento do contrato de prestación do servizo de directos para a CRTVG. Na resolución, o organismo conclúe que a “relevancia cuantitativa do contrato, a posíbel afectación do principio de igualdade de trato pola exclusión de empresas nas licitacións de 2018 e 2021, así como os feitos expostos na denuncia, constitúen indicios de incumprimento que aconsellan realizar unha fiscalización específica da execución do contrato”.
Ademais, como a CIG comunicou previamente ao director xeral da CRTVG os feitos denunciados, o Consello de Contas acordou solicitar información sobre as actuacións que, no seu caso, se realizaron polo ente público.
A CIG reitera que a contratación externa do servizo de novas en directo non se xustifica do punto de vista dunha xestión racional dos recursos públicos, xa que o servizo pode prestarse cos medios técnicos e humanos propios da CRTVG, o que remataría co malgasto de mais de 1 millón de euros anuais de todas as galegas e galegos.
Tampouco se xustifica do punto de vista dun servizo que afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz. A xestión externalizada do servizo supón que as persoas traballadoras encargadas de elaborar os contidos informativos deixan de ter a consideración de empregados públicos, coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas a estes últimos en relación coa defensa do interese xeral e co deber de actuar consonte aos principios éticos e de conduta regulados no Estatuto Básico do Empregado Público.
A CIG apela á responsabilidade do Director Xeral para que poña fin á externalización da prestación do servizo de directos e o recupere para a produción con medios humanos e técnicos propios. Os indicios de incumprimento detectados polo Consello de Contas e o remate da prórroga do contrato con Overon o próximo 30 de xuño de 2023 son unha boa oportunidade para o Director Xeral rectificar e recuperar a operatividade da unidade de directos aparcada no garaxe desde principios de ano, apostando decididamente pola produción propia dos servizos informativos.