O conflito sindical de Tesla en Suecia: Unha nova fronteira?
Tesla tiña case 128.000 empregados en todo o mundo en 2023. Ningún dos seus centros de traballo está sindicado e a dirección frustrou até o de agora todos os intentos dos traballadores de Tesla, principalmente nos Estados Unidos, de lograr un convenio laboral colectivo (CLC)
Se a «sustentabilidade» está a se converter en palabra de moda no mundo empresarial e político, as súas connotacións son predominantemente ambientais. Por importante que sexa, deste xeito pásase por alto unha dimensión social crucial.
Os defensores do clima argumentan que «cambiar a coches eléctricos ofrece unha oportunidade apaixonante -e potencialmente lucrativa- de construír un sistema enerxético que sexa máis intelixente, a máis diso máis ecolóxico». Os vehículos eléctricos poden ser parte da solución climática, pero até que punto son as empresas de vehículos eléctricos, como Tesla, prosociais? E poden aceptar que se organicen traballadores e sindicatos?
As respostas a estas preguntas poderían atoparse en Suecia, onde os traballadores de Tesla están inmersos no que se converteu na folga de posguerra máis longa do país contra esta empresa. Recentemente, cambiaron os contornos da folga, grazas á utilización de traballadores desprazados para eludir a mobilización colectiva.
Ascenso meteórico
Elon Musk, fundador de Tesla, considéraa tanto unha empresa de enerxía sostíbel como de vehículos eléctricos. As súas vendas creceron exponencialmente no último lustro, o que sorprendeu a moitos, sobre todo aos detractores dos vehículos eléctricos. Gran parte da cobertura mediática mostrouse optimista acerca do meteórico ascenso de Tesla, e moitos o atribúen a un Musk profético.
En 2022, a empresa vendeu 232.066 vehículos en Europa, un 36,1% máis que en 2021. Escandinavia e os Países Baixos encabezaron a carga: en 2023, vendéronse 20.400 coches en Suecia, case o dobre que en 2021. Con todo, as vendas seguen dependendo relativamente dos incentivos gobernamentais, que en Suecia inclúen subvencións e axudas fiscais.
Tesla é xa o terceiro fabricante de automóbiles de Europa. Para facer fronte á demanda, abriu unha «xigafactoría» de última xeración nos arredores de Berlín, que emprega uns 11.000 traballadores. Con todo, o seu motor alimentado por baterías non é o único que diferenza a Tesla dos seus competidores europeos con motor de combustión.
Tesla tiña case 128.000 empregados en todo o mundo en 2023. Ningún dos seus centros de traballo está sindicado e a dirección frustrou até o de agora todos os intentos dos traballadores de Tesla, principalmente nos Estados Unidos, de lograr un convenio laboral colectivo (CLC).
No país máis neocorporativista do mundo, o sindicato metalúrxico sueco IF Metall comezou a traballar na organización dos talleres de Tesla en 2019. A empresa negouse rotundamente a asinar un CLC que cubrise os seus traballadores suecos. Tras unhas negociacións prolongadas pero infrutuosas, que duraron cinco anos, os membros de IF Metall optaron pola única arma á súa disposición, convocar unha folga.
Dimensión transnacional
A mobilización comezou a finais do pasado mes de outubro. Nove meses despois, o que empezou como unha loita local adquiriu unha dimensión transnacional: algúns cualificaron a folga de transcendental, con implicacións máis aló de Suecia. Por unha banda, trátase dunha folga sobre a participación dos traballadores na fixación dos salarios e as condicións de traballo; por outra, sobre o contrato social do que depende o modelo de emprego nórdico.
Traballadores de correos, pintores, electricistas e estibadores emprenderon mobilizacións secundarias contra Tesla. Os traballadores do transporte anunciaron un bloqueo das cargas e descargas de Tesla en Malmö, Södertälje, Gotemburgo e Trelleborg. En maio, o maior sindicato de Suecia, Unionen, dixo que paralizara todo o traballo relacionado con Tesla en Dekra Industrial AB, que realiza inspeccións de equipos.
Ao pouco tempo, outros sindicatos nórdicos mostraron tamén a súa solidariedade. O sindicato danés 3F Transport impediu aos traballadores portuarios descargar os coches Tesla con destino a Suecia a través da ponte de Øresund. O sindicato finlandés AKT e o noruegués Fellesforbundet anunciaron que bloquearían os envíos se non se chegaba a un acordo.
Fellesforbundet lanzou unha campaña de sindicación en Noruega, onde as vendas de Tesla son aínda maiores, pero os seus traballadores tampouco teñen convenio. Segundo un responsábel de Fellesforbundet, o conflito de Tesla é unha loita polo principio do modelo nórdico. Para iso, o sindicato lanzou unha campaña de concienciación pública sobre a postura antisindical da empresa.
Traballadores desprazados
Desde febreiro, acolléndose ás normas da Unión Europea sobre traballadores desprazados, Tesla contratou a traballadores de Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Portugal e Suíza. Non se trata só dun novo mínimo para Suecia, senón tamén para a UE.
O traballo desprazado é frecuente na construción, non sen polémica. Suecia estivo no centro do caso Laval, que acabou ante o Tribunal de Xustiza da UE. A sentenza debilitou os sindicatos, e o defunto Brian Bercusson sinalou que «as pantasmas doutrinais do século XIX sobre o predominio das liberdades de mercado, revisados hai tempo... volveron para acosar [a] UE».
O acordo de Saltsjöbaden de 1938 é a pedra angular das relacións laborais suecas. O «espírito de Saltsjöbaden» reduciu considerabelmente a frecuencia das folgas e os peches patronais, que foran precedidos polo recurso habitual a tácticas crebafolgas por parte dos empresarios. Estas son as «pantasmas» de Bercusson, e Tesla invocounas de novo.
Musk é un Henry Ford moderno, quen tamén se opuña a que os sindicatos «interferisen» na súa visión do automóbil. Con todo, Ford acabou «convencéndose» de que os traballadores de Ford debían poder sindicarse. Musk segue opóndose ideoloxicamente aos sindicatos, comentando, por exemplo, que os seus traballadores perderían as súas opcións sobre accións se se sindicasen.
Porén, tras a folga en Suecia, 16 investidores institucionais nórdicos -os seus activos combinados superan o billón de dólares- escribiron á sede de Tesla convidando a empresa a colaborar cos sindicatos suecos. O fondo de pensións danés PensionDanmark vendeu mesmo as súas accións de Tesla. No entanto, na xunta anual de accionistas de Tesla do mes pasado votouse en contra dunha proposta relativa á liberdade de asociación e a negociación colectiva.
Tesla mantense inflexíbel na súa misión de permanecer «libre de sindicatos», aínda que curiosamente isto encaixa coa súa postura de «salvar o planeta». En calquera caso, esta última está en dúbida tras o respaldo mostrado por Musk este mes á campaña de reelección presidencial norteamericana dese negacionista do cambio climático, Donald Trump.
Crebafolgas
No pasado, recorreuse a (e abusouse de) os traballadores desprazados para socavar a capacidade dos movementos sindicais nacionais de contrarrestar o «dumping social». Agora utilízanse como crebafolgas, contravinndo o dereito fundamental á negociación colectiva e á acción colectiva.
A Comisión Europea recoñeceu que a negociación colectiva sectorial por parte de sindicatos fortes e representativos é a forma máis eficaz de elevar e facer cumprir os niveis salariais. Tesla poderíase ter afiliado á Confederación Sueca de Empresas de Transporte e asinar o convenio colectivo sectorial, pero decidiu non facelo. Tamén podería asinar un convenio a medida con IF Metall, pero Tesla preferiu manterse fiel á súa ideoloxía. Estes desaires de Tesla, que se beneficia dos incentivos públicos ofrecidos aos cidadáns para que compren vehículos eléctricos, pon en dúbida a idea dunha «transición xusta» e deixan a IF Metall sen outra opción que convocar unha folga, amplamente apoiada máis aló das fronteiras suecas.
A Comisión e a súa presidenta, Ursula von der Leyen, agora reelixida, teñen a responsabilidade de garantir que non se utilice os traballadores desprazados para rebentar folgas. Pola contra, o capital convértese no único portador real de dereitos en virtude da lexislación da UE. A nova Comisión debería encargar unha investigación á Autoridade Laboral Europea. E deberíanse conxelar os investimentos «verdes» daquelas empresas que non estean dispostas a comprometerse con representantes colectivos independentes dos traballadores e a asinar convenios.
[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 8 de setembro de 2024]