O conflito de TUSSA chega ao Concello de Santiago
O comité de TUSSA reiteraba esta mañá a súa demanda de diálogo coa dirección da empresa para solucionar os problemas derivados do cambio de ubicación da estación de autobuses; os problemas co guindastre e o convenio colectivo. Facíao diante do Concello, a onde se achegaron coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se debaten dúas mocións do BNG e Compostela Aberta nas que se aborda a súa problemática.
O comité de TUSSA lembra que é a segunda vez nun ano na que ao ir ao concello se lles convoca automaticamente a unha reunión, que neste caso se celebrou pasado luns. “Unha reunión que xa tíñamos solicitada un mes antes e que casualmente se nos contesta e pon data o día que os compañeiros do guindastre fixeron un comunicado público e no momento en que estábamos reunidos cun grupo municipal”.
Entenden que non pode ser que coa cantidade de cousas que pasaron neste último ano, nomeadamente aquelas que os afectan directamente -como a mudanza para a nova estación de autobuses, a reestruturación do servizo de guindastre, a negociación do convenio colectivo ou a suba anual- teñan información antes polos medios de comunicación que pola nosa empresa.
Lembran que o dereito básico dos comités de empresa é o de consulta e participación, non exclusivamente o de información. “E non é unha cuestión de matiz, senón absolutamente de fondo”, matizan, porque o Estatuto dos Traballadores e a Lei Orgánica de Liberdade Sindical establéceno como a base das relacións laborais e a negociación colectiva.
Mudanzas preocupantes
O comité subliña que os cambios nos que está inmersa TUSSA causan a preocupación nos traballadores e traballadoras e consideran que terían que ter “dereito a opinar antes de que foran feitos consumados”. Entre outros sinala o cambio para a nova estación de autobuses e a supresión dun posto de traballo, ou das condicións desas novas instalacións que serán o centro de traballo para moito do persoal e outra parte importante que terá alí os seus vestiarios. “Nin no Comité de Empresa, nin no Comité de Seguridade e Saúde Laboral se nos deu conta de nada disto neste tempo”, denuncian.
En canto ao guindastre, apuntan que levan anos denunciando a falla de seguridade neste servizo e que este mes, hai exactamente un ano, estaban protestando pola agresión a un compañeiro que rematou no hospital ao tentar retirar un vehículo mal estacionado.
A este respecto cualifican de “moi desagradable” ler nos medios de comunicación declaracións en ton pexorativo por parte de responsables municipais. “É duro ver como o alcalde da nosa cidade nos culpa da baixada na facturación obviando que a cantidade de dobres filas e as zonas de aparcamento eliminadas no centro nos últimos anos son as principais causas”.
Máis grave aínda consideran “deslizar ademais a idea de que por ese motivo podería haber un Expediente de Regulación de Emprego. E tampouco é prato de gusto que o Concelleiro de Mobilidade nos poña por mentireiros cando denunciamos que as agresións verbais e ameazas físicas son constantes, ou ver como despachan como “absentismo” o número de baixas médicas por estrés nese servizo”. Por iso convidan a calquera a que vaia con eles a retirar vehículos e comprobalo directamente.
Xuntanza no concello
O pasado luns mantiveron a xuntanza, que levaban tempo pedindo e na que foron informados de que a posta en marcha dos vehículos con ‘multamóvil’ restarían importancia ao servizo do guindastre, que pasaría a ser un servizo público, máis que unha vía de financiación. “Non descartamos que esa poda ser unha solución ao problema de seguridade que vimos denunciando e que tivo o último incidente grave este pasado mes de xaneiro. Pero é un exemplo máis da falla de diálogo e política de feitos consumados coa que nos atopamos no comité de empresa de TUSSA”.
Sinalan que a última reunión para tratar o problema do guindastre foi en xullo de 2020, co compromiso de poñer en marcha unha fórmula nova en setembro. “E nada máis soubemos até hai 3 días”. Nese sentido apuntan que o pasado mes de xullo e á vista da gravidade da situación acordárase tamén facer unha avaliación do risco psicosocial no guindastre, depósito de vehículos e na ORA e “o pasado luns tamén se nos di que se pediu un orzamento e que se vai facer 9 meses despois. Xulguen vostedes se iso é diálogo, comunicación e respeito. Xa está ben”.
Convenio colectivo
O mesmo din sobre a negociación do convenio colectivo e as subas salariais. “Na nosa empresa conviven tres convenios e situacións laborais moi diferentes e non me refiro ao estritamente económico”. Así están as traballadoras e traballadores a quen se lles aplica o convenio de Aparcadoiros e Garaxes; os que se lles aplica o de Oficinas e Despachos e quen teñen o antigo de SETEX APARKISA, ademais de múltiples acordos por colectivos.
Denuncian que esta situación provoca moitas diferenzas canto a condicións laborais e salariais entre o persoal e demandan que se unifique nunha única norma laboral. “Hai 3 anos comezamos un camiño para equiparar as condicións e negociar un convenio de empresa que dera seguridade xurídica a todas as partes”, lembran.
A primeira parte fíxose, ao seu entender, satisfactoriamente no ano 2019, dando un primeiro paso para equiparar economicamente e a xornada laboral de todo o cadro de persoal. O seguinte era a negociación do convenio colectivo que rematara co resto de diferenzas. Esa negociación durou meses e en febreiro de 2020 foi a última reunión, onde o acordo era completo en case todo o articulado e só había diferenzas en dous puntos. “Entendemos que eran perfectamente salvables facendo nós unha última proposta que rebaixaba as nosas pretensións. Pero xa nunca tivemos resposta”.
Subliñan que non foron exixentes con isto, entendendo que se daban unhas circunstancias especiais por mor da pandemia, mais consideran que “non é de recibo que, unha vez máis, as nosas alarmas teñan que saltar cando non vemos nos orzamentos de TUSSA a partida que contemple o custe do convenio colectivo, como estaba comprometido”.
Neste sentido lembran que se lles adebeda a suba salarial de 2020 e que tampouco viron a de 2021. “E sobre isto a nosa empresa tampouco nada nos comentou até esa reunión do pasado luns, sen solución algunha”. Por iso reiteran a demanda de diálogo e agardan a ter unha seguinte reunión ou facer seguimento do cumprimento do falado para non ter que lles pedir de novo aos grupos municipais que presenten unha moción para obter unha resposta.