O concello de Padrón suprime dereitos laborais do seu persoal tras declarar caducado o convenio
En setembro de 2019 o concello de Padrón denunciou o convenio colectivo do persoal do concello para, teoricamente, negociar un novo. Unha negociación que desde aquela, e até o día de hoxe, non chegou a producirse. Porén, hai 15 días o concelleiro delgado de Persoal remitiu unha circular a todas as traballadoras e traballadores informando de que o convenio perdera vixencia e comunicando a decisión unilateral de suprimir dereitos laborais.
Segundo explica o comité de empresa do concello, o goberno municipal do PP eliminou o dereito que tiña o persoal a gozar de certos días de libranza ademais de eliminar a xornada reducida no verán.
Modificación da RPT e privatización de servizos
A ausencia de negociación atinxe tamén á RPT, que segundo denuncian, foi imposta sen ningún tipo de negociación deixando fóra a unha importante parte do cadro de persoal co obxectivo de externalizar e, polo tanto privatizar servizos como limpeza viaria ou axuda no fogar, entre outros.
O comité denuncia que “moitos dos traballadores e traballadoras afectadas por esta modificación na RPT xa estaban nunha situación de inestabilidade, porque é persoal laboral temporal, e non lle vai quedar máis alternativa que pasarse ás empresas ás que se concesionen os servizos aceptando as condicións que lles impoñan porque, do contrario, quedarán sen posto de traballo e irán ao paro”.
A RPT definitiva acaba de ser publicada tras do acordo plenario e o comité xa anuncia que presentará un recurso de reposición como paso previo á vía xudicial.
Diante desta situación o comité de empresa do concello de Padrón reclama a inmediata negociación dun novo convenio colectivo non que se aborden todas estas cuestións. Denuncia a vulneración de dereitos do persoal e agarda unha inmediata solución a unha situación que está causando un enorme malestar entre as traballadoras e traballadores.
Informa ademais de que xa está presentado un recurso de reposición en relación ao convenio colectivo, paso previo para ir a vía xudicial “contra unha decisión unilateral non só inxusta senón mesmo ilegal, porque nin o concelleiro de persoal, nin o goberno municipal poden considerar caducado un convenio sen ter negociado un novo”.
Responsabilizan ademais ao goberno do PP de negarse a negociar co persoal municipal e de deteriorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras suprimindo dereitos adquiridos.