O comité rexeita o ERTE de Ferroatlántica (XEAL) por fraudulento e por avanzar no desmantelamento das fábricas
O comité de XEAL rexeita o ERTE que a empresa pretende aplicar nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas por entender que é unha fraude e que a empresa só quere aproveitarse da crise sanitaria para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción. A negociación do ERTE rematou sen acordo e o comité advirte que levara adiante todas cantas accións legais sexan posíbeis "para evitar que se efectivice unha medida que compromete a viabilidade das fábricas e a propia seguridade do persoal".
Segundo explica o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), a empresa alega causas organizativas derivadas da pandemia da Covid19, cando en realidade os motivos que esgrime xa se iniciaran previamente coa paralización progresiva da actividade dos fornos, pois non hai que esquecer que o 13 de marzo, (días antes do decreto do estado de alarma), a dirección cesou a produción nos fornos 12 e 21, deixando en activo só dous dos cinco fornos. Esta recorte veuse sumar á rebaixa na produción imposta dende principios de ano coa parada do forno 13.
Ademais, engade Mouzo, "XEAL non ten escusa para rebaixar a produción, pois está considerada dentro das actividades industriais esenciais, tanto no ámbito da produción eléctrica como na produción de ferroaliaxes, pois esta última tamén se destina ao sector farmacéutico e alimentario e o servizo de interrumpibilidade". Xunto a isto, subliña que o seu provedor e cliente único, Ferroglobe, mantén a produción practicamente ao 100%.
A empresa non quixo negociar ningunha das alternativas do comité
Pola súa parte, no período de consultas, o comité presentou unha serie de medidas organizativas alternativas, que permitirían manter a produción e garantir as medidas de seguridade e protección para as traballadoras e traballadores. "Non obstante, a dirección non quixo entrar a valorar en ningún momento a proposta da parte social e nin sequera trasladou toda a documentación que se lle requiriu", denuncia.
De igual maneira, a empresa rexeitou limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma (quere aplicalo até o 3 xullo), ofrecer garantías de rearranque dos fornos, pór en marcha o necesario plan de viabilidade e retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades.
A este respecto, o representante do persoal afirma que "a mala fe da empresa chega a tal punto que nin sequera incluíu na acta final do período de consultas as consideracións e achegas feitas polo comité, mesmo negándose a remitirnos copia da acta". Unha manifesta ilegalidade que se puxo en coñecemento da autoridade laboral (Consellería de Traballo) e pola que se presentou denuncia na Inspección de Traballo para que emita o informe correspondente.
En canto as posíbeis causas económicas, "son inexistente, se temos en conta que 2020 esta rexistrando récords en xeración de enerxía nas centrais cuns beneficios salientábeis de arredor de 5 millóns de euros ao mes durante o inverno, polo que o centro de traballo está en números positivos e con beneficios".
Aforrar custes a conta das prestacións por desemprego
En definitiva, conclúe o comité, "o ERTE presentado por Ferroaltántica-XEAL baixo causas organizativas ten motivacións puramente de carácter económico", pois a emprese pretende continuar co sistema de rotación do persoal implantando previamente ao estado de alarma, pero agora en vez de asumir o custe das xornadas laborais sen prestación de servizo, "quere financiar este gasto con cargo ás prestacións por desemprego dos traballadores e das traballadoras e aforrar así uns cartiños sen importarlle o máis mínimo a seguridade e saúde do persoal".
Para o comité, este ERTE é un chanzo máis na secuencia de recortes de produción e de emprego e no desmantelamento progresivo das fábricas, iniciada coa venda do complexo enerxético-industrial da Costa da Morte ao fondo TPG, que a nova xerencia quere afianzar aproveitándose da emerxencia sanitaria.
Por iso, dende a representación legal dos/as traballadores/as instan, unha vez máis, a Xunta de Galiza a que obrigue a empresa a presentar o preceptivo plan de viabilidade, a que cumpra coas cláusulas de non segregación e a que leve adiante os investimentos comprometidos nese proceso de venda e que foron respaldados pola propia Ferroglobe.