O comité rexeita o ERTE anunciado por Guidoni Quartz para a fábrica de Narón

A regulación temporal afectaría a todo o cadro de persoal durante seis meses
Narón - 06 Xun 2025

O comité de Guidoni Quartz rexeita o expediente de regulación de emprego temporal anunciado pola empresa para a fábrica de Narón, alegando causas económicas e produtivas. Segundo a información facilitada pola dirección, o ERTE afectaría a todo o cadro de persoal e tería unha duración de seis meses. A previsión da compañía é poder producir nunha das dúas liñas que ten a fábrica.

A representación do persoal amosa o “noso desacordo cunha medida na que as persoas traballadoras van perder a súa prestación por desemprego, así como terán unha diminución dos ingresos económicos”.

Diante disto, o comité e o persoal xa avanzan que non descartan levar adiante ningún tipo de mobilización, incluída a folga, para facerlle fronte a esta decisión empresarial.

Guidoni Quartz dedícase á fabricación de táboas compactas de seixo e ten un longo historial de despedimentos individuais sen causa obxectiva, que son unha mera escusa para precarizar as condicións laborais e intentar amedrentar o cadro de persoal.