O comité rexeita a manobra de Einsa para desmobilizar o persoal e que abandone as reivindicacións
Este xoves, o comité de Einsa Print (en representación de Einsa Print e Einsa Sourcing) e a empresa mantiveron unha reunión no marco da mesa aberta para negociar a renovación do acordo de melloras salariais e laborais. Porén, malia os pequenos avances que se produciran no encontro do mércores, onte a empresa cuestionou a posibilidade de continuar coas negociacións alegando que en marzo do próximo ano remata o contrato cun dos seus principais clientes.
Para o comité, que a empresa lance agora esta información constitúe un acto de mala fe cuxo único obxectivo é amedrentar o persoal e que abandone a loita que levan meses desenvolvendo en demanda de melloras nas súas condicións de traballo (nomeadamente a organización das quendas), sociais e retributivas.
"A empresa ten até marzo para buscar novos clientes. Estamos nunha mesa para negociar un acordo sociolaboral a tres anos, o que non pode ser é que un día apareza cunha proposta que permite avanzar nun acordo e ao día seguinte veña cunha mensaxe catastrofista para meter medo", sinala o comité.
A representación dos traballadores entende que con este anuncio, Einsa busca retirar a súa propia oferta, rachar a mesa de negociación e ademais que o persoal desconvoque o calendario de folgas xa aprobado. Neste senso, o comité insiste na súa vontade de continuar coas negociacións, pero advirte que as mobilizacións seguirán adiante. Así, o vindeiro luns, 29 de maio, ás 23h, iniciarase unha nova xornada de folga de 24 horas por parte dos traballadores/as de Einsa Print e Einsa Sourcing.