Conflito colectivo contra o ERTE de Ferroatlántica por fraudulento e non ter causa
O comité vén de presentar demanda de conflito colectivo contra o ERE de suspensión de contratos e reducións de xornada aplicado por XEAL (Ferroatlántica) para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas, ao entender que as causas alegadas son inexistentes e fraudulentas.
Para a representación social, a empresa estase aproveitando da emerxencia sanitaria derivada da Covid19 para avanzar no plan de cese de actividade dos fornos e no desmantelamento das fábricas posto en marcha a principios de ano; e ao tempo aforrar cartos a conta da pandemia. Pois non cómpre esquecer a empresa alega causas organizativas, pero o sistema rotativo de quendas proposto durante a regulación é o mesmo que xa se estaba realizando.
"A diferenza é que, estando en ERTE, a empresa deixa de asumir con fondos propios o custo das xornadas laborais sen prestación de servizos, que pasa a financiarse con cargo ás prestacións por desemprego das traballadoras e traballadores. É dicir, é o propio persoal quen asume o custe das medidas preventivas que ten que pór a empresa para garantir a seguridade a saúde no desempeño da actividade laboral", critica Alfonzo Mouzo, presidente do comité.
O comité presentou alternativas
Mouzo subliña que a dirección non quixo entrar a negociar nin valorou en ningún momento as alternativas propostas pola representación social, malia que permitirían minimizar o risco de contaxios coa adopción das medidas preventivas adecuadas, optimizando os recursos dispoñíbeis e sen suspender contratos con cargo a prestacións por desemprego.
Para o comité resulta claro que a dirección nunca tivo unha verdadeira vontade de debater sobre as causas da suspensión ou sobre a forma de reducir os seus efectos "amosando mala fe durante todo o período de consultas, pois ocultou información, non achegou toda a documentación que lle requirimos, e incluso se negou a recoller nas actas as consideracións e achegas feitas polo comité".
A empresa non quixo ofrecer garantías de rearranque dos fornos
Xunto a isto, non hai que esquecer que a empresa se negou en redondo a limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma (quere aplicalo até o 3 xullo); ofrecer garantías de rearranque dos fornos; retirar o ERTE previo (que malia estar asinado dende hai máis de un ano non se executou); pór en marcha o necesario plan de viabilidade; ou retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades.
Por todo isto, consideran este ERTE non ten causas obxectivas, senón que é un chanzo máis na secuencia de recortes de produción e de emprego e no desmantelamento progresivo das fábricas, iniciada coa venda do complexo enerxético-industrial ao fondo TPG, e que a nova xerencia quere afianzar aproveitándose da emerxencia sanitaria.
Responsabilidade da Xunta
Nesta situación, denunciar que a Xunta de Galiza volveu demostrar unha nula preocupación polo emprego e o futuro industrial das fábricas e da comarca. O goberno galego segue sen actuar a pesar as reiteradas peticións, comunicacións e advertencia de incumprimentos que desde o comité de empresa se están a facer da ruína a cal nos leva a dirección de XEAL.