O Comité Intercentros da CRTVG denuncia represión da actividade sindical
O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) denuncia unha nova onda represiva nos medios públicos, que esta vez atinxe directamente á actividade sindical. Neste sentido, asegura que a Dirección vén de requirirlle á presidenta do órgano que informe de actuacións de verificación realizadas polo comité, nun escrito que a representación colectiva interpreta como unha ameaza.
O 19 de outubro, dous membros da alta dirección da Corporación, o Xefe do Servizo de Coordinación e Apoio Xurídico, Jorge Varela Fernández, e a Xefa do Servizo de Diálogo Social, María Isabel Vázquez Rodríguez, enviáronlle un escrito á presidenta do Comité Intercentros relacionado coa visita de membros do comité, ese mesmo día, ao Estudio 5 da TVG, na que supostamente interromperon a gravación do programa “Digochiño”.
Nese documento, que envían en calidade de instrutor e secretaria dunhas actuacións previas relacionadas cunha Resolución do 20 de outubro do director de Recursos Humanos, Victor Tubío Villar, os remitentes relatan que nesa data unhas quince persoas, das que só se puido identificar á presidenta do comité, apareceron repentinamente, e sen previo aviso, no plató, onde persoal da produtora externa “El Progreso” -que tiña cedido o Estudio 5, segundo informan no escrito- gravaba o programa “Digochiño”.
Como consecuencia dese “incidente”, afirma a empresa, ese persoal externo tivo que interromper a gravación.
En base a ese relato, requírenlle á presidenta do comité intercentros que manifeste se é certo que acudiu ao plató e se o fixo en nome propio, do seu sindicato ou do comité, así como que identifique ao resto das persoas que acudiron ao estudio ese día, indicando tamén se existiu ou non un acordo da representación colectiva ao respecto.
Persoal externo á TVG
O Comité Intercentros, que se reuniu esta mañá para avaliar o escrito, considera o mesmo un grave ataque á representación legal do persoal, que acudiu ese día - alertado da presenza de persoal externo no plató da TVG- a verificar se eran certas as informacións que apuntaban que persoal externo estaba a traballar nas instalacións da TVG sen que tal extremo lle tivese sido comunicado ao comité de empresa, como é obriga.
Os membros do comité comprobaron efectivamente que catro traballadoras de El Progreso estaban no Estudio 5 gravando cun teléfono móbil utilizando o decorado do programa “Digochiño” e a iluminación propia do plató, malia que a primeiros de setembro a empresa informara ao comité de que ese programa deixaba de ser produción propia interna da TVG porque se “licenciara” para pasar a mans da produtora luguesa.
Amezas para que deixe de facer as súas funcións
O comité denuncia esta nova actuación represiva, que considera un intento de ameaza co que a dirección pretende que a representación sindical da radiotelevisión pública deixe de facer as súas funcións de control e vixilancia da lexislación laboral, neste caso no que atinxe á fraudulencia dos contratos.
O comité informaba hai uns días dunha resolución de Inspección de Traballo que sinalaba a existencia de fraude na contratación artística efectuada pola CRTVG e lembra que o ente acumula máis de 400 sentenzas condenatorias por cesión ilegal de traballadoras e uso abusivo e fraudulento da contratación temporal, malas praxes que -segundo apunta o comité- semellan estar de volta.