O comité de Viza denuncia que a dirección obrigou o persoal a traballar un día máis do pactado en convenio
O comité de Viza, empresa de automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, mobilizouse hoxe para denunciar que a dirección obrigou o cadro de persoal a traballar un día máis do pactado no convenio colectivo. Dende a representación dos traballadores/as anuncian que adoptarán as medidas xudiciais oportunas contra a decisión adoptada unilateralmente pola compañía.
A protesta convocada polo comité de Viza (5 delegados/as CIG, 5 GTV, 2 CCOO e 1 UGT) ten por obxectivo rexeitar o incumprimento do convenio colectivo por parte da dirección, que obrigou o cadro de persoal a traballar durante a xornada de hoxe en lugar de permitirlle gozar do día libre pactado como axuste por exceso de xornada.
Deste xeito, segundo explica o presidente do comité, Javier Domínguez Lemos, da CIG, os empregados/as de Viza traballarán este ano 223 días en lugar dos 222 fixados no convenio. Denuncia que a dirección decidiu de xeito unilateral trasladalo para o ano que vén e partilo en dúas xornadas: os traballadores/as da quenda de mañá e os de estrutura librarán o 2 de xaneiro e os das quendas de tarde e de noite o día 5.
Diante disto, anuncia que a representación sindical adoptará as medidas xudiciais oportunas contra a decisión, non descartando a presentación dun conflito colectivo. Como primeiro paso desenvolveron a protesta de hoxe ás portas da fábrica, que se prolongou dende as 13:00 até as 15:00 horas, onde despregaron unha faixa na que se podía ler "21 D: Traballamos por decreto".