O comite de Urbaser mobilízase polo incumprimento dos acordos da concesionaria
O comité de Urbaser concentrouse este xoves diante do concello de Santiago, na Praza do Obradoiro, para denunciar os incumprimentos dos acordos por parte da concesionaria. Na negociación do convenio do ano 2017 o comité de empresa de Urbaser de Santiago chegou a un acordo coa empresa para establecer unha bolsa de traballo para que toda persoa traballadora tivera un período de proba de seis meses (nun principio a empresa quería 2 anos), e superado ese tempo pasaría a formar parte dunha bolsa de traballo que se usaría para cubrir vacantes que puideran ir xurdindo por orde de antigüidade.
Segundo explican desde o comité desde esa data quen entrara en contrato de vacacións primeiro, despois pasaría a contratos por baixas de longa enfermidade. “Até o de agora facíao de mes en mes, e despois a partir de aí, cando collían estes contratos de baixas seguíase unha orde, ben por contratación indefinida por xubilación ou posto dalgunha vancante que queda por falecemento ou senón pasaban a cubrir unha xubilación parcial. Pero a xubilación parcial xa temos recollido no convenio que esa persoa ao rematar a xubilación parcial pasaría a ser indefinida”.
Isto víñase facendo así até que no mes de novembro se saltou a orde de contratación. Pero segundo o comité, o qué máis grave é que “dúas persoas que levaban catro anos traballando con nós, acabaron o contrato e non lles fixo outro contrato novo”.
A desculpa que lle dá a empresa a estes traballadores é, nun caso, que “estaba moito tempo de baixa e non lle daban os números” e no outro porque “dicían que estaba moito tempo de baixa e o outro chaval porque estaba seguro de que no futuro lle ía dar problemas”.
O comité entende que a empresa está vulnerando o acordado e polo tanto vulnerando os dereitos das persoas traballadoras e reclama que se cumpran.