O comité de URBASER denuncia deficiencias no servizo de limpeza do concello de Santiago
O comité de URBASER, concesionaria da limpeza do concello de Santiago, manifesta a súa preocupación polo deterioro do servizo nos últimos meses, máis estando en plena pandemia e tendo en conta a importancia que a hixiene ten para combater a covid-19. Por iso celebraron xuntanzas con todos os grupos políticos da oposición do consistorio, mais non foron recibidos aínda nin polo alcalde, nin pola concelleira do ramo.
O comité sinala que durante o estado de alarma, onde a maioría da veciñanza de Compostela estaba confinada na súa vivenda, as traballadoras e traballadores estiveron a facer toda unha serie de traballos de limpeza, que entenden que axudaron a controlar a situación.
Denuncian que porén, a día de hoxe, cun aumento considerable dos rebrotes, que mesmo obrigaron a adoptar medidas excepcionais no Concello, “vemos que non se está a producir ningunha limpeza nin desinfección de sitios tan comúns como papeleiras, contedores e baldeo de rúas”.
Menos traballos de limpeza que antes da pandemia
Lembran que antes da pandemia se facían moitos máis traballos de limpeza no concello dos que se fan a día de hoxe. Entre outros subliñan o de baldeo e lavado de contedores; a saída de 2 lava-beirarrúas e unha fregadora (actualmente sae 1 e a fregadora esporadicamente); saída de dúas cubas todo o verán (actualmente sae unha fixa e a outra esporadicamente): saída da hidrolavadora todos os días (actualmente ese traballador úsase para varias tarefas) ou saída do lavacontedores frecuente (actualmente funciona por estatísticas e sen ningún plan de lavado).
Denuncian ademais que ao non haber un plan de lavado marcado pola organización da empresa, cando sae o lavacontedores queda a expensas dos traballadores o percorrido, o que provoca que haxa zonas que non se lavan nunca.
Explican que para facer o varrido mecánico, antes saía unha varredora de noite, dúas motovarredoras de día e unha varredora grande, pero que, actualmente, só sae a varredora da noite.
Antes do confinamento tamén había traballo de brigadas tanto de mañá como de tarde e adoitaban saír varias brigadas formadas por un mínimo de 1 condutor e 3 peóns ou máis. Actualmente, porén, “están saíndo as brigadas cun peón só, o que impide facer un traballo en condicións, (baléiranse as papeleiras e se dá tempo cóllese algún papel).
Afirman que se chega mesmo a facer os traballos onde debe actuar una brigada, con tan só un peón e un carriño de limpeza e que se utilizan os peóns para ir varrer sitios tan afastados da base como a zona do Corte inglés ou zona do hospital clínico, deixando as demarcacións sen varrer.
Do mesmo xeito aseguran que o mantemento é case nulo, e que a xente que o debería estar facendo dedícase á recollida de enseres.
Recollida de lixo
Non está mellor a recollida do lixo porque tal e como explican, “dado o actual estado da maquinaria quedan zonas de nivel 1 (recollida diaria) sen recoller por mor das avarías. Aparte de que as mesmas rutas están xa moi dimensionadas, o que provoca que sexa imposible a súa realización”.
Ademais denuncia que se está a utilizar as instalacións para a reparación de vehículos doutras concesións, así como os vehículos propios do Concello de Santiago para realizar tarefas noutros Concellos.
Falta de persoal
O comité chama a atención sobre a falta de persoal por mor da cobertura insuficiente do que se atopa de vacacións ou de Baixa por I.T ou porque, con frecuencia, persoal da concesionaria realiza tarefas noutros Concellos. Lembran que é obriga de URBASER cubrir con persoal temporal as baixas por IT superiores a un mes.
Advirten de que no prego da concesión especifícase que será considerado como falta moi grave realizar tarefas fóra do ámbito do concello, reparar maquinaria doutras concesións ou facer traballos fóra do ámbito municipal “se non existe autorización expresa por parte do concello de Santiago”.
Por todo isto demandan do concello de Santiago que presione a URBASER a cumprir coas súas obrigas porque “como se ve todos os días na cidade, a situación está nun límite insostible e, dada a actual situación da pandemia, cómpre garantir que se cumpra o contrato para garantir as condicións hixiénicas requiridas, reforzando o servizo se fose necesario”.