O comité de URBASER de Santiago anuncia a convocatoria de folga do día 30 de abril ao 3 de maio
O comité de empresa de Urbaser compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de folga desde o día 30 de abril as 00:00 horas, até o 3 de maio. Catro días de paro total do servizo de recollida e limpeza viaria no concello de Santiago que non descartan ampliar a máis, pero que podería evitarse se a empresa presenta unha proposta de oferta económica acorde coas súas demandas.
Neste sentido, o presidente do comité, Ricardo Méndez, explicou que as negociacións do convenio colectivo comezaron no mes de decembro sen que, a esta altura, se chegara a un acordo, porque a empresa pretende que o incremento salarial para este ano sexa do 0%; doutro 0% para 2022 e un 0,5% para 2023.
Urbaser tampouco atendeu as súas demandas de que se recoñeza a antigüidade real do persoal, que entenden que se debería computar desde o primeiro día de traballo, mais que a concesionaria considera só desde o último contrato con continuidade. Como tampouco accedeu as propostas de melloras sociais, nomeadamente a de recoñecer o dereito a xubilación parcial para preservar a saúde do persoal nun sector no que hai “bastante penosidade e toxicidade”.
Publicación dos novos pregos
A situación vén de complicarse ademais coa publicación, este martes, dos novos pregos. Unha publicación que se produce, casualmente, tras do rexistro da convocatoria de folga, logo de que o comité o viñera demandando desde había meses.
A este respecto o comité non agochou o seu “enfado polo comportamento que tivo o concello tanto co persoal” como co propio comité. Un enfado derivado non xa da falta de diálogo, senón mesmo da ausencia de resposta ás súas reiteradas solicitudes de reunión, tanto para poder dar conta da situación na que se atopa o servizo, como para trasladar as demandas que consideraban que se deberían incluír nos pregos que veñen de ser publicados.
“Como institución debería atender a calquera cidadán e máis no noso caso que somos ademais un servizo do concello”, explicou o presidente do comité, quen lembrou que nin a concelleira Mila Castro, nin o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, tiveron a ben reunirse con eles.
O problema é que agora, coa publicación destes pregos queda paralizada a negociación do convenio e, polo tanto, no aire as súas demandas. Con todo reclaman que, cando menos, se negocie un incremento salarial para este ano “que poña en valor o traballo dos compañeiros e compañeiras do sector de limpeza do concello, que foron servizo esencial durante toda a pandemia” e, porén, non ven gratificado de ningunha maneira o seu labor.
Segundo informaron na rolda de prensa, para desconvocar a folga demandan sentar a negociar en xuntanza presencial e aceptarían unha proposta de incremento salarial acorde co sobrecusto das antigüidades e co recoñecemento do dereito á xubilación parcial.
O comité denunciou ademais as malas condicións nas que se atopan os medios necesarios para desenvolver o seu traballo. “É un perigo saír á rúa a traballar co material que temos” denunciaron.
Persoal insuficiente
Outro dos problemas que salientaron foi o da falta de persoal que, se xa é insuficiente para desenvolver o traballo en condicións normais, máis o é cando hai baixas ou libranzas, porque estas non se cobren o que deriva nunha sobrecarga para o resto.
Sobre esa cuestión tamén incidiron na importancia de prever que o vindeiro ano prorrógase o Xacobeo e en que previsiblemente haberá unha chegada masiva de turistas e peregrinos á cidade o que incrementará o traballo para garantir os labores de limpeza e desinfección da cidade.
Ames e O Pino afectados
Ademais URBASER comparte con Ames e O Pino taller, xefe de servizos, camións e condutores, o que resta persoal a Santiago e que fai prever que a convocatoria de folga, na que están atinxidos arredor de 140 traballadores/as, teña repercusións para estes concellos.