O comité de Tranvías da Coruña (CIG, UGT, GTT e CSIF) denuncia a irresponsabilidade da empresa que, na xuntanza número 11 da negociación do convenio colectivo, decidiu levantarse da mesa e rachar calquera posibilidade de pechar un acordo, malia os avances acadados en numerosos puntos.
O comité rexeita esta actuación da dirección e entende que a empresa estivo dilatando de maneira deliberada as negociacións para non concluír nun acordo de ningún convenio colectivo, condenando o persoal a seguir perdendo capacidade adquisitiva e dereitos.
Este abandono unilateral das negociacións dáse ademais despois de coñecerse que a Compañía de Tranvías tivo un beneficio de 6,36 millóns de euros no ano 2025, polo que o comité reclámalle a empresa que volva de inmediato á mesa con vontade real de chegar a un acordo que mellore as condicións salariais e laborais do conxunto do persoal.
O comité cualifica de irrespectuoso este proceder da dirección e avaliará as medidas de resposta que considere oportunas para acadar un convenio colectivo digno.