O comité de empresa de PreZero, concesionaria do servizo de mantemento de parques e xardíns do Concello de Santiago de Compostela, vén de denunciar, en rolda de prensa, a “mala fe” da empresa na negociación do novo convenio colectivo, despois de que esta decidise retirar un preacordo xa validado polo persoal en asemblea.
Segundo explicou Elisa Ares, presidenta do comité de empresa pola CIG, o proceso de negociación prolongouse durante “xa un ano e medio” e, a finais do pasado mes, producírase un principio de acordo entre as partes. A empresa puxo sobre a mesa dúas opcións ou propostas que foron levadas á asemblea de traballadoras e traballadores para que fose o propio cadro de persoal quen escollese democraticamente.
Ares afirmou que a asemblea “escolleu por ampla maioría unha das propostas” e que, ao día seguinte, o comité comunicou oficialmente á empresa o resultado da votación. “Quedaron en convocarnos a outra reunión para formalizar e asinar o acordo do novo convenio”, indicou.
Porén, segundo denunciou, o día anterior á reunión a empresa comunicoulles que presentaría unha nova proposta distinta da acordada previamente. “Na reunión trasladáronnos que xa non estaban dispostos a asinar o que fora referendado pola Asemblea de Traballadores e propuxeron outra cousa completamente diferente”, apuntou.
A presidenta do comité asegurou que a representación sindical considera que “non existe vontade real de chegar a un acordo” e acusou a empresa de actuar “de mala fe”. “En cada reunión cambian as condicións: cousas que xa estaban acordadas desaparecen, volven aparecer noutra xuntanza e así continuamente”, denunciou.
Mediación a través do AGA
Por iso, o comité decidiu solicitar mediación a través do AGA e anunciou que non volverá reunirse coa empresa ata que esa mediación sexa concedida. “Non confiamos na vontade da empresa. Queremos que haxa unha persoa que tome nota do que está pasando e do comportamento que están tendo durante a negociación”, asegurou.
Ares advertiu ademais de que, se non se produce un acordo nun curto prazo de tempo, o cadro de persoal poderá iniciar mobilizacións e mesmo convocar unha folga. “Será o persoal quen tome as decisións a partir de agora”, indicou.
Falta absoluta de confianza
Respecto das diferenzas entre o primeiro preacordo e a nova proposta da empresa, a presidenta do comité recoñeceu que “hai unha merma económica respecto da proposta inicial”, aínda que insistiu en que o problema principal é “a falta absoluta de confianza”. “Agora mesmo non nos atrevemos a volver convocar unha asemblea, poñer unha proposta a votación e que despois a empresa volva cambiar de opinión”, afirmou.
A representante sindical, lembrou tamén que a negociación non se limita ás cuestións salariais. “Estamos negociando tanto melloras económicas como sociais. Evidentemente, a recuperación do poder adquisitivo é unha cuestión fundamental porque levamos moitos anos perdéndoo, pero hai tamén outras melloras sociais importantes dentro do convenio”, explicou.
Segundo detallou, “existía xa un acordo tanto na parte económica como na social”, até o punto de que a propia empresa presentara dúas alternativas para que fose o persoal quen decidise democraticamente cal prefería. “Os traballadores escolleron unha delas e, despois diso, a empresa cambiou completamente de posición”, lamentou.
A petición formal de mediación foi presentada “o mércores da semana pasada”, explicou Ares, quen asegurou que a única explicación recibida por parte da empresa foi que “simplemente cambiaran de opinión”.
Pola súa parte, Paulo Rubido, asesor da CIG-Servizos, cualificou a situación de “absolutamente excepcional” no ámbito das contratas municipais de Santiago. “Levamos moitos anos negociando convenios e nunca vimos unha actuación desta natureza. É a primeira vez que vemos que unha empresa chega a un acordo, leva ese acordo á asemblea para que se decida democraticamente e, unha vez referendado, decide botarse atrás”, afirmou.
Rubido insistiu en que o sucedido constitúe “un feito moi grave” e asegurou que o comité entende que a empresa está a actuar “cunha evidente mala fe negociadora” e concluíu subliñando que “estamos ante un escenario totalmente atípico. Nunca vimos que unha empresa cambie de posición desta maneira despois de que o cadro de persoal escolla democraticamente unha proposta saída da negociación”.