O comité de Política Social denuncia o cese de persoal nas residencias da maiores de Lugo a pesar da súa necesidade
O Comité de Política Social da provincia de Lugo reclámalle á Consellaría a creación de prazas estruturais para poder atender as necesidades das residencias de maiores e ofrecer unha atención de calidade. Lembran que en determinadas categorías como enfermería ou camareira/o-limpadora/r quedan quendas descubertas ou con persoal insuficiente.
A falta de persoal agravouse neste trimestre debido ao cese definitivo dos reforzos de persoal contratados pola Xunta de Galiza durante a pandemia para cubrir varios colectivos laborais. Este persoal, explica o comité, foi cesando ao pouco, "agás naqueles casos que seguía sendo preciso para atender as necesidades das persoas usuarias".
Porén, a finais de marzo e principios de abril, a Xunta cesou a todas as persoas que quedaban "xa que o seu contrato chegaba aos tres anos de duración e pasarían a ser persoal indefinido, non interesándolle esta circunstancia á Xunta que tería que crear postos novos. Por iso, malia a necesidade destas traballadoras e traballadores nos centros, a Consellaría procedeu ao seu cesamento.
O comité de Política Social en Lugo demándolle á Consellería -desde moito antes do cese deste persoal- a necesidade da creación estrutural destes postos "debido a súa necesidade para poder ofrecer unha atención de calidade as persoas usuarias". A este respecto, advirten que en especial cómpren postos de enfermería na residencia de maiores das Gándaras e de camareira/limpadora na de Burela e da Milagrosa, xa que na actualidade "quedan quendas descubertas ou días de semana con persoal do servizo por debaixo dos mínimos estabelecidos, e tendo que facer fronte desas tarefas o resto do colectivo, creando sobrecarga de traballo e malestar entre o persoal".
Por todo isto, o órgano de representación provincial exíxelle á Consellería de Política Social e a Emprego Público a creación urxente destes postos "de maneira estrutural e a incorporación inmediata de persoal a eles".