O comité de Noa demanda o apoio da Corporación de Fene na defensa dos empregos
O comité de Noa Madera Creativa mantivo un encontro esta mañá co alcalde de Fene e as voceiras dos grupos municipais para trasladarlles a preocupación polo ERE extintivo para 78 traballadores/as e o ERTE de 15 meses para o resto do persoal presentado pola empresa. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos institucionais e mobilizacións que a representación social está a realizar para evitar que o Grupo Malasa (propietario da fábrica) execute unhas medidas que avanzan no desmantelamento da planta e na precarización das condicións laborais.
Desa reunión, explican, saíu o compromiso de presentar unha moción de apoio as reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Noa ante a intención de desfacerse de 78 compañeiros/as e mandar ao ERTE ao resto da persoal, aproveitándose da situación xerada pola pandemia da Covid19.
O alcalde de Fene tamén se comprometeu a tratar a situación de Noa Madera Creativa na reunión da Mancomunidade que se desenvolve hoxe mesmo, tendo en conta as negativas consecuencias que a medida ten para o emprego e o sector produtivo da comarca.
Videoconferencia co conselleiro
Nesta rolda de encontros, o comité manterá na tarde do xoves unha videoconferencia co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para abordar a situación da empresa e reclamar a intervención do Goberno galego.
Dende o comité, unha vez máis, amosan o total rexeitamento ás medidas anunciadas pola empresa de desmantelar as instalacións de Fene e precarizar as condicións de traballo dos e das traballadoras.