O comité de GKN convoca unha xornada de folga ante o inmobilismo da empresa na negociación do convenio
O comité de GKN Driveline de Vigo decidiu por unanimidade convocar unha xornada de folga para o vindeiro xoves 29 de xuño ante o inmobilismo da dirección na negociación do convenio colectivo. Dende a representación do persoal sinalan que a empresa ofrece unicamente un 1% de suba salarial, “pois din que se non renunciamos aos 15 minutos de ducha non poden asumir ningún custe máis”.
A decisión do comité (9 delegados/as de CCOO, 7 da UGT e 5 da CIG) adoptouse tras a decimo cuarta xuntanza mantida coa empresa, que tivo lugar onte, e que novamente rematou sen acordo. A dirección de GKN propón que o novo convenio teña un ano de vixencia e contemple un incremento salarial do 1%, “pois din que se non renunciamos aos 15 minutos de ducha non poden asumir ningún custe máis, nin xubilacións parciais, nin relevos, nin persoal indefinido”.
Para aclarar calquera dúbida a respecto da negociación do convenio e da propia convocatoria de folga, a representación sindical convoca o conxunto do cadro de persoal a unha asemblea o próximo mércores 28 no salón de actos da igrexa parroquial do Cristo da Vitoria, en Coia, en horario de 10:00 a 12:00 e de 17:00 a 19:00 horas.