O comité de folga da limpeza da Coruña anuncia novos paros para os días 11 e 12 de maio
As “fregonas amarelas” continúan en loita por un convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais. Así o anunciou hoxe en rolda de prensa o comité de folga do sector de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, que adiantou a convocatoria de dúas novas xornadas de paros os días 11 e 12 de maio ampliando ademais o ámbito á limpeza equiparada da administración pública galega: as instalacións públicas da Xunta de Galiza, o Parlamento galego, o Valedor do Pobo e o campus universitario de Santiago de Compostela.
O comité de folga compareceu rodeado de fregonas amarelas, a ferramenta de traballo dun sector maioritariamente feminizado e invisibilizado (das máis de 10.000 persoas que traballan no sector, na provincia da Coruña, máis de 8.000 son mulleres) que quere facer delas un símbolo de dignidade e de loita pola dignificación das súas condicións laborais.
Segundo explicou o representante da CIG e portavoz da mesa de negociación, Paulo Rubido, amplíanse as xornada de folga porque a patronal segue mantendo a súa “impresentable e inadmisible” proposta nun sector que viu incrementada a súa facturación durante a pandemia covid e malia isto, “pretende seguir mantendo na máis absoluta precariedade a miles de mulleres que, na súa inmensa maioría, traballan a tempo parcial”.
Ademais, denunciou que a patronal do sector segue ofertando un incremento económico dun 0% para 2020 e dun mísero 1% a partir de 2021 e mantén a súa pretensión de suprimir artigos do convenio colectivo como o dereito a incrementar xornada ou á xubilación parcial.
Isto é precisamente o que afecta ao persoal dos servizos de limpeza equiparados, porque aínda que teñan unhas condicións salariais mellores que o conxunto do sector, están atinxidos por estes recortes que pretende impor a patronal.
Administración colaboracionista coa patronal
Rubido denunciou tamén o papel da administración, que ademais de impor na última xornada de folga uns servizos mínimos abusivos alude o papel de mediadora que debía ter e “non escoita as lexítimas reclamacións destas traballadoras, permitindo nichos de precariedade indecentes”.
Adiantou ademais que teñen presentado conflito colectivo para conseguir o plus de transporte, con independencia da xornada traballada. A vista está prevista o vindeiro día 3 de xuño no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e xa teñen solicitada, con este motivo, unha xuntanza con Presidencia.
Os sindicatos que conforman o comité de folga, CIG, CCOO e UGT, avisan de que no caso de non ter resposta, estenderán este conflito a toda a limpeza da provincia da Coruña conte con convenio propio, ou non. Neste sentido indicaron que, de ter que chegar a iso, en seguintes convocatorias de folga incorporarán tamén a limpeza das 3 áreas sanitarias da provincia da Coruña, concesionada precisamente ás empresas responsábeis de que non se chegue a un acordo para conseguir un convenio digno.