O comité de empresa de Urbaser anuncia a convocatoria de folga indefinida para demandar un convenio digno

As negociacións romperon o pasado mércores polas “irrisorias” propostas da empresa, que pretende eliminar dereitos a cambio dun mísero incremento salarial
Compostela - 16 Mai 2025

O Comité de Empresa de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo do concello de Santiago, anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de folga indefinida a partir das 00:00 horas do sábado 24 de maio, en demanda dun convenio xusto. O comité denuncia que o actual convenio está caducado desde decembro de 2024 e que as propostas da empresa son “irrisorias” e inclúen eliminar dereitos laborais básicos. Por iso piden a mediación do concello para resolver o conflito.

Ricardo Méndez, presidente do comité de Empresa, e Andrés Sánchez, secretario, acompañados do comité, en pleno, explicaron as razóns da folga e os puntos incluídos na súa plataforma, entre os que salientou que demandan un convenio de dous anos, cun incremento salarial do 5% anual e unha redución de xornada.

Sánchez xustificou a demanda deste incremento salarial, que aínda así non lles vai garantir a total recuperación, pola “perda de poder adquisitivo”  acumulado ante os IPC disparados nos últimos anos.

Respecto da demanda de redución de xornada sinalou que o que buscan é avanzar en “calidade de vida familiar, social e conciliación”. A este respecto explicou que traballan seis días á semana, con xornadas de 6 horas e media e que o que demandan é traballar cinco días á semana.

Porén, fronte as súas reclamacións, a empresa respondeu cunha oferta “totalmente ridícula”: un convenio de catro anos, cunha suba do 1% anual, sen abordar a redución de xornada e eliminando dereitos.

Empeoramento das condicións laborais

O comité denuncia que Urbaser non só se nega a negociar, senón que pretende eliminar dereitos consolidados. Neste sentido, Sánchez revelou que a empresa “quere quitarnos un plus de IT” que garante o 100% do salario durante as baixas e denunciou que “está a ofrecernos unha suba salarial ridícula a cambio da nosa saúde”.

Sinalou, ademais, que a empresa propuxo suprimir o dereito á xubilación parcial, un beneficio que protexe os traballadores nun traballo “a pé de rúa” con condicións duras e denunciou a sobrecarga laboral, afirmando que “o número de traballadores é insuficiente” para un concello en crecemento, cun prego de condicións que non responde ás necesidades actuais”.

O comité subliña que están “abertos a negociar” fórmulas como reorganizar as xornadas, pero a ruptura das negociacións por parte de Urbaser, sen comunicación desde o mércores, obrigounos a recorrer á folga, que respalda o 100% do cadro de persoal, uns 155 traballadores e traballadoras.

Insistiu en que “non é unha guerra contra o Concello”, ao que instou a “mediar neste conflito” fiscalizando a Urbaser, única responsable da folga que, lembrou “non é gratis para as traballadoras e traballadores e leva a non cobrar o salario”, pero reafirmou a determinación e dignidade do persoal antes as inasumibles propostas da empresa.

O comité chama á cidadanía a apoiar esta folga, que busca dignificar un servizo esencial e garantir condicións laborais xustas. Méndez subliñou que “non queremos molestar a ninguén”, pero que a loita é inevitable ante a “actitude indignante” de Urbaser.