Convocan protestas polo despido represivo de dous traballadores de Megatech en Ourense
O comité de empresa de Megatech Industries, compañía do sector da automoción con sede en Ourense, vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despedimento represivo de dous traballadores que participaron activamente na folga e nas mobilizacións convocadas para reclamar melloras laborais. A concentración terá lugar diante das instalacións da compañía, no polígono industrial de Pereiro de Aguiar, este xoves 23 de 13:00 a 15:00 horas.
Dende a representación sindical sosteñen que a decisión da empresa ten que ver coa folga indefinida e coas mobilizacións convocadas o pasado mes de outubro para reclamar melloras salariais e un aumento da contratación indefinida. “A dirección xustifica os despidos pola escaseza de carga de traballo, pero o certo é que seguen a contratar o mesmo persoal de ETT mentres se desfán de dous compañeiros fixos, con 20 e 14 anos de antigüidade en Megatech”, denuncian.
Xustifican os despidos pola escaseza de carga de traballo, pero seguen a contratar o mesmo persoal de ETT
Diante disto, chaman o cadro de persoal a dar unha resposta conxunta para esixir a readmisión dos afectados por uns despedimentos “inxustos” e animan a todos/as os traballadores/as a participar na concentración convocada para este xoves 23 diante das instalacións da compañía de 13:00 a 15:00 horas. “Se permitimos o uso das rescisións de contrato como unha ferramenta represiva estaremos poñendo en perigo o posto de traballo de todo o persoal de Megatech; xa que hoxe son eles, pero mañá podemos ser calquera de nós”.
Finalmente, instan a empresa a abrir de inmediato unha negociación cos traballadores afectados, “porque ten que ter moi claro que non imos permitir nin un despedimento inxusto e imos demostrarlle que a defensa do emprego nos une a todos/as”.